CULTURA

Os sons de Fisterra, na Alameda

30/10/2007 A exposición "A cidade interpretada" péchase definitivamente coa peza "Melodie Fisterra", de Hans Schabus. Esta intervención foi inaugurada na Alameda de Santiago (paseo dos León) polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego. Alí estará ata o 30 de novembro.

Na súa visita a Santiago de Compostela Hans Schabus interesárase pola relación do camiñante co tempo e co espazo. En concreto centrouse no segmento que separa Compostela de Fisterra.

Schabus gravou o son do mar nos cantís do cabo de Fisterra para facelo audible na cidade no popular paseo dos Leóns, na Ferradura. Naquel momento a Alameda estaba remodelándose e a climatoloxía adversa do outono de 2006 non propiciou que este tramo do paseo estivese nas condicións óptimas que o artista requiría.

Cando Schabus estivo en Fisterra enviouse unha postal a si mesmo ao seu estudo de Viena. Schabus non deixa de camiñar e volta de novo a Compostela.

Artistas internacionais
"A cidade interpretada" foi unha iniciativa de arte e espazo público que desenvolvida dende a Concellaría de Cultura, tivo lugar en Compostela, en dúas fases, entre os meses de setembro a decembro de 2006. Nesta iniciativa participaron oito artistas internacionais que proxectaron diversas intervencións de carácter temporal en diferentes zonas da cidade.

Os oito artistas foron invitados a traballar, polo comisario da mostra Pablo Fanego, sobre o contexto da cidade de Santiago de Compostela o que os obrigou a coñecer as diferentes realidades de Compostela, os seus rasgos e identidades.

A interpretación das súas experiencias deu lugar a pezas que se integraron na paisaxe urbana como o minarete de Jorge Barbi, a igrexa "camuflada" de Nathan Coley, a bancada de Carme Nogueira, as moedas na fonte de Roman Ondák ou a experiencia sutil de Germaine Kruip coa luz do fogo artificial.

Apolonija Sustersic propuxo unha peza en Hortas que consistiu nun módulo de mobiliario urbano coa intencionalidade de ser punto de encontro e lugar de debate. Ademais, a "visita de Eugenio" de Andre Guedes "mobilizou" a Eugenio Montero Ríos, que voltou durante algunhas horas a un emprazamento que xa coñecía, a praza do Obradoiro. André Guedes e Román Ondak, recibiron prestixiosos premios internacionais despois das súas intervencións en Santiago.

Compartir: