CONSORCIO

Un proxecto de praza pública en San Salvador gaña o Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana

30/10/2007 O xurado do Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana, promovido polo Consorcio, designou gañador por unanimidade o proxecto da praza San Esteban do centro histórico de San Salvador (El Salvador). A esta primeira edición do certame presentáronse 24 proxectos pertencentes a 12 países latinoamericanos.

Os membros do xurado tiveron en conta a repercusión social do proxecto, a súa viabilidade, a relación entre o importe do premio (180.000 euros) e o orzamento do proxecto (250.000 euros), o impacto no contorno, a idoneidade urbanística e a implicación de diferentes axentes sociais: sociedade civil, Igrexa e Centro Escolar.

O proxecto responde a unha estratexia municipal de intervención no espazo público da praza de San Esteban, en San Salvador, situada no centro histórico. Esta actuación, proposta por etapas, inclúe as vías de acceso (peonís e de tráfico rodado), a inserción de mobiliario urbano, vexetación, pavimentos, modificado da área do atrio, áreas de xogo para nenos, espazos de contemplación baixo a sombra das árbores e a construción de gradas e terrazas.

A súa execución contribuirá á posta en valor dun espazo público representativo, de gran valor simbólico para os cidadáns. Neste espazo preténdese desenvolver actividades de carácter relixioso, cultural, social e comercial.

Ademais da contribución económica do premio, 180.000 euros, interveñen no financiamento o municipio de San Salvador (12.000 euros) e a iniciativa privada (58.000 euros). Mesmo a comunidade veciñal e a igrexa colaborarán co seu Concello no mantemento e protección da praza. A Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) encargarase da supervisión da intervención.

O xurado tamén elixiu como finalistas outros seis proxectos: catro de Ecuador, un de Brasil e outro de Cuba.

A propósito do premio, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosouse "moi orgulloso de colaborar coa AECI e coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta" nun proxecto como este. Ademais, lembrou a participación de Compostela noutros programas de rehabilitación en América Latina, como no Plan Maestro de Santiago de Cuba ou no proxecto europeo PAGUS-AL. Finalmente, expresou o seu desexo de que cando se convoque a segunda edición do premio, xa se poida ver concretado algo do proxecto gañador nesta primeira convocatoria.

O Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana pretende recoñecer e estimular iniciativas públicas e privadas de creación e recuperación de ámbitos de cohesión nas cidades históricas de América Latina, a través da transformación e mellora de espazos urbanos.

Compartir: