EDUCACIÓN

O Programa Ferradura Aberta programa actividades lúdicas para rapaces na Alameda

28/06/2005 A Xunta de Goberno Local aprobou o orzamento, estimado en 61.000 euros, para levar a cabo a décimo segunda edición deste programa de actividades lúdicas e de lecer, que terá lugar entre os días 13 e 29 de xullo.

Desde o ano 1993 o Parque da Alameda acolle as actividades do Programa Ferradura Aberta durante o mes de xullo. Este ano, os rapaces poden disfrutar das actividades específicas de ocio, lecer e deportivas entre os días 13 e 29 de xullo, de luns a venres e en horario de 17 a 20 horas, agás o día 25. Fomentar os valores da cooperación e a solidariedade ao tempo que se lle dá plena liberdade á expresión, a creación, ao xogo e ao deporte é o obxectivo primeiro deste programa, que trata de impulsar a participación dos rapaces composteláns.

Os destinatarios do Programa Ferradura Aberta son, preferentemente, nenos de 2 a 5 anos e de 6 a 14 anos, que contan con espazos concretos para estes tramos de idade. Os obradoiros de natureza, cestería, encadernación, papiroflexia, garabato de xogos e arqueología constitúen o eixo central do programa. Os rapaces estarán atendidos por un mínimo de 14 monitores ao día, repartidos entre todos os obradoiros. Outro dos piares do programa é a área deportiva, onde se organizan carreiras de orientación, xadrez e xogos de mesa, tiro con arco, esgrima, tenis de mesa e rochódromo. Sete monitores estarán atentos aos rapaces que participen nesta área. Os máis pequenos contarán cun espazo lúdico onde os atenderán un mínimo de tres monitores diarios, e poderán disfrutar así mesmo dun obradoiro de plástica con dous monitores.

Desenvolveranse tamén diferentes actividades extraordinarias como o tren turístico, karaoke, mini acampañada, animacións con pallasos, contacontos, títeres e magos, xogos tradicionais e dúas sesións de animación á lectura para as familias. Os pais e nais poderán agardar aos rapaces nun espazo reservado con capacidade para un mínimo de 30 persoas.

No Ferradura Aberta colaboran os servizos municipais de Deportes, Festas, Centros Socioculturais e Educación e Mocidade, se ben os coordinadores técnicos son os departamentos de Deportes e Educación e Mocidade.

Compartir: