PATRIMONIO

Comeza a cuarta campaña arqueolóxica no Castelo da Rocha

28/06/2005 A Universidade de Santiago de Compostela, coa cofinanciación do Consorcio e do Concello compostelán, inicia a cuarta campaña de traballos arqueolóxicos na fortaleza da Rocha, para avanzar no obxectivo último de consolidar o castelo e integralo no rico patrimonio cultural e turístico da cidade.

A equipa arqueolóxica da Universidade de Santiago dirixida polos profesores Fernando Acuña e Raquel Casal inicia este verán a súa cuarta campaña de actuacións no compostelán Castelo da Rocha, que contará cun orzamento de 60 mil euros. A campaña da continuidade ás intervencións arqueolóxicas realizadas na fortaleza desde o ano 2002.

A análise histórica, espacial e funcional do asentamento permitirá deseñar un futuro plan de xestión con vistas á conversión da fortaleza e do seu entorno nun produto cultural e turístico. Os restos poderían ser musealizados e, xunto a outros xacementos do entorno, integraríanse en rutas históricas de interese turístico que axudarían á dinamización económica e social desta área periférica de Compostela.

A campaña 2005: limpeza e escavacións
Os traballos deste ano iniciaranse coa limpeza de vexetación e retirada de escombros, especialmente os localizados na parte sur da fortaleza e en torno á cerca muraria, onde se concentrará a intervención arqueolóxica.

Tamén se despexará o posíbel foso –o que outorgará aos visitantes do castelo unha mellor perspectiva sobre a monumentalidade do conxunto- e se continuarán os traballos de escavación, avanzando no coñecemento da estrutura da fortaleza.

Durante a escavación, exhumarase a cerca exterior e interior pola parte Sur, onde se atopan os bastións, e polo lado Este da muralla. Un cálculo aproximado da superficie obxecto dos traballos en 2005 estabelece en 200 metros cadrados as cuadrículas do interior do recinto, e en 600 metros cadrados as do exterior na zona Sur.

Historia do castelo
O Castelo da Rocha foi construído no ano 1240, no límite sur do territorio outorgado polo rei Alfonso I á igrexa de Santiago de Compostela no ano 834. O castelo foi destruído, por primeira vez, durante as revoltas santiaguesas contra o Bispo de Landoira, e de novo en 1466, na terceira guerra irmandiña.

As fontes documentais máis antigas describen o asentamento como unha fortaleza rodeada por tres murallas, cunha torre da homenaxe de catro pisos, unha ermida e nove torreóns. O castelo non só defendía á cidade das posíbeis ameazas exteriores –dada a súa estratéxica situación na antiga vía Santiago-Padrón- senón que ademais serviu, en máis dunha ocasión, de refuxio aos arcebispos ante os vehementes ataques dos seus súbditos.

As campañas arqueolóxicas permitiron ata agora descubrir e recuperar diferentes estruturas e recintos, así como unha cantidade inxente de materiais cerámicos, metálicos e pétreos. Unha boa parte dos traballos de escavación centráronse nas liñas defensivas do castelo, o que permitiu documentar dous grandes torreóns de entrada, unha barbacana e un gran torreón circular arrimado ao lenzo principal da muralla, detrás do cal xurdiu unha estancia cuadrangular que, pola súa configuración, podería ser a torre da homenaxe. A escavación da cerca e das estruturas defensivas intensificarase durante a actual campaña.

Compartir: