CULTURA

"Santiago de Cuba en Compostela" afonda nas relacións entre as dúas cidades irmandadas

28/06/2005 A Concellaría de Cultura organiza este ciclo no que durante dez días haberá 30 actividades culturais protagonizados por artistas "santiagueros".

Entre o 29 de xuño e o 8 de xullo unha ampla representación de artistas de Santiago de Cuba encherán Compostela cunha mostra da rica actividade cultural que se está a desenvolver actualmente nesta cidade caribeña.

"Santiago de Cuba en Compostela" é o nome destas xornadas no que a cultura "santiaguera" centrará a actividade cultural da Concellaría e nas que haberá trinta actos culturais diferentes. Esta mañá o concelleiro de Cultura Néstor Rego destacou que este encontro pretende facilitar un punto de encontro entre dúas cidades que están irmandadas pero nos que ata hoxe os lazos foron escasos desde o punto de vista social.

Estes actos coincidirán co 490 aniversario da fundación de Santiago de Cuba. Nestas xornadas teremos oportunidade de achegarnos a un amplo catálogo de artistas novos desta rexión cubana. Nas xornadas están presentes disciplinas tan diferentes como a música, o muralismo, o teatro, o gravado, cine, documentalismo, televisión e literatura, entre outras.

"Santiago de Cuba en Compostela" comezará o mércores 29 de xuño coa inauguración no Pazo de Bendaña dunha exposición de gravados obra de Liudmila López e cunha festa na terraza do Pazo no que haberá musica e comida cubana. Nestes dez días tamén se elaborará un mural en San Lázaro dirixido polas artistas Cristina Escobar e Ludmila Romero e que rematarase o día da clausura. A música virá da man de Vanito Caballero, Yusa, Telmary, Rubén Léster e Nilo Dj. Teatro para adultos e infantil, cine e documentais completan unha programación que terá escenarios tan variados como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, o Pazo de Bendaña, a rúa de San Pedro, diferentes cafés e pubs da Cidade Vella e do Ensanche, a sala Nasa, os centros socioculturais da Trisca, O Castiñeiriño e Conxo, e o paseo da Alameda.

Compartir: