PROMOCIÓN ECONÓMICA

REDEL analizou a calidade no emprego e o desenvolvemento económico

28/09/2007 A calidade no emprego, a procura dun modelo de financiamento sostible para os entes locais e a importancia das infraestruturas no desenvolvemento económico son tres dos temas debatidos na primeira Asemblea de REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, que se celebrou en Compostela os días 27 e 28 de setembro.

Neste encontro de traballo participaron oito entidades de ámbito local e comarcal. Ademais de representantes da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, entre os que se atopaba o concelleiro Xosé Manuel Iglesias, estiveron presentes responsables de Barcelona Activa; IMFOF-Instituto Municipa de Formación, Ocupación y Fomento de Mallorca; Getafe Iniciativas; Agencia Local de Promoción Económica y Empleo del Ayuntamiento de Gijón; IMEFEZ-Zaragoza; Sociedad de Desarrollo de Santa Cruz de Tenerife e Garapen-Asociación Vasca de Agencias de Desarrollo

Na asemblea presentáronse dúas propostas relacionadas coa comunicación externa de REDEL: a dunha páxina web e outra relacionada co lanzamento e difusión da rede. Tamén se presentaron catro documentos de traballo: Barcelona Activa sobre autoemprego e innovación, IMEFEZ-Zaragoza sobre emprego, IMFOF-Instituto Municipa de Formación, Ocupación y Fomento de Mallorca sobre promoción económica e Getafe Iniciativas sobre infraestruturas para o desenvolvemento económico. A estes documentos hai que engadir a proposta dun plan de actuación de REDEL para o 2008.

REDEL, da que Compostela é socio fundador, é unha entidade supramunicipal que se constituíu o pasado 1 de marzo. Os obxectivos de Rede de Entidades para o Desenvolvememento Local son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo desde unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

Compartir: