TURISMO

Santiago promove o seu turismo nos novos mercados do Leste

27/09/2007 Santiago de Compostela asiste do 22 ao 29 de setembro, xunto a outras doce cidades españolas Patrimonio da Humanidade, ás xornadas organizadas por Turespaña para contactar con axentes de viaxes e turoperadores en Varsovia, Sofía e Budapest.

O punto forte da oferta que presenta o Grupo de Cidades Patrimonio nas cidades de Varsovia, Sofía e Budapest é a inxente riqueza patrimonial, cultural e gastronómica deste colectivo de cidades de referencia internacional. Esta acción, enmarcada no Plan Anual de Actuación asinado con Turespaña, supón a participación do Grupo nunha serie de workshops. O funcionamento destas sesións de traballo facilita a celebración de encontros individualizados entre os técnicos desprazados e os axentes de viaxes, touroperadores e prensa especializada de cada unha das tres cidades visitadas. Nas xornadas participan, ademais, cadeas hoteleiras, maioristas e touroperadores españois.

No contexto de crecente competitividade para atraer aos viaxeiros destes países, a oferta de rutas específicas, a calidade nos servizos e a rica oferta cultural, de museos e gastronómica, complementada coa extensa oferta de sol e praia, xunto co esforzo a través de xornadas e publicidade por difundir as súas especificidades e encantos, poden ser claves no mantemento e incremento futuro da nosa cota de mercado.

Para os viaxeiros polacos, cun grao de coñecemento do destino elevado e un claro interese pola oferta das Cidades Patrimonio, as presentacións están sendo máis minuciosas e tematizadas, mentres que as exposicións realizadas no mercado búlgaro, onde o grao de familiarización é menor, a información que se facilita é máis xenérica. En canto aos húngaros, que nos seus desprazamentos de ocio -que soen comprar en paquetes- visitan cidades, ven monumentos, van á praia e gozan da gastronomía, a proposta de rutas tematizadas e riqueza cultural e histórica pode resultar a máis atractiva.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España está integrado por Santiago de Compostela, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Segovia, Tarragona e Toledo, que promocionan xuntas a súa riqueza patrimonial, cultural e gastronómica.

Compartir: