ALCALDÍA

O pulo á vivenda protexida, ao solo empresarial e ás grandes obras de infraestruturas, principais obxectivos do alcalde para este curso político

31/08/2007 O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, desgranou en rolda de prensa os asuntos nos que o goberno municipal centrará os seus esforzos durante o curso político que comeza tralas vacacións estivais. Entre as prioridades atópanse o desevolvemento do PXOM unha vez sexa aprobado definitivamente pola Consellería de Política Territorial; continuar o esforzo en materia de vivenda protexida e de solo industrial; ou darlle un importante pulo a obras de grande relevancia como o terceiro carril do periférico, a duplicación da ponte de acceso ao polígono do Tambre, o túnel da Galuresa ou a depuradora da Silvouta.

Xosé A. Sánchez Bugallo conta con que nas próximas semanas o Plan Xeral de Ordenación Municipal obteña o beneplácito definitivo da Consellería de Política Territorial da Xunta, co que enseguida o goberno municipal se poñería mans á obra para comezar co seu desenvolvemento. De feito, unhas das prioridades salientadas polo alcalde é a de facer un grande esforzo en política de vivenda protexida. Nestes momentos hai 3 polígonos en construción (o 13 no Castiñeiriño, o 7 en Pontepedriña, e o 22 en Castro de Abaixo) e outros 4 verán como comezan as súas obras durante este curso (14, 12, 11 – no Castiñeiriño – e 5, na Muíña). En total, en xuño estaranse construíndo na cidade 2.500 vivendas protexidas.

En materia de solo industrial, as previsións municipais indican que os polígonos 37.3 e 38 (ambos na Sionlla) estarán en obras en marzo, posto que está previsto sacalas a concurso público antes de finais deste ano. Estes dous solos sumaríanse a un terceiro promovido pola Xunta do que se están a redactar os proxectos de expropiación e urbanización. En resumo, tres polígonos comezarían as súas obras ao longo do curso.

Dentro do apartado de obras, o goberno municipal fará especial fincapé nas tres actuacións que restan para finalizar o convenio asinado co Ministerio de Fomento en 2005: con respecto ao terceiro carril do Periférico, o proxecto está entregado e pendente de ser supervisado polos técnicos do goberno central. No que se refire á duplicación da ponte de acceso ao polígono do Tambre e ao túnel da Galuresa, os proxectos xa foron redactados e informadados favorablemente, polo que está previsto que antes de final de ano as tres actuacións saian a licitación e que comecen as obras neste curso para que poidan estar rematadas ao longo de 2008.

Tamén nestes vindeiros meses o saneamento da conca do río Aríns se verá impulsado co inicio das obras da segunda fase. En paralelo, o Concello espra que se convoque o concurso de redacción do proxecto e de obra da nova depuradora de Silvouta.

A posta en marcha de 3 novas garderías municipais é outro dos puntos nos que o goberno centrará os seus esforzos. Así, a de San Roque estará rematada a finais de outubro; a do Parque da Constitución, antes de final deste curso; e a do Tambre, no vindeiro verán. Contando coas dúas que xa están funcionando (Fontiñas e Conxo), en xuño de 2008 haberá 5 garderías no municipio compostelán.

Compartir: