A sede da SGAE en Vista Alegre comezará a funcionar a segunda quincena de outubro

28/08/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi ao delegado xeral da SGAE para Galicia, Asturias e Cantabria, Javier Vidal, que se achegou ata a capital galega para planificar co rexedor a inauguración e a posta en marcha da sede da institución en Santiago unha vez que se remataron as obras.

O acto inaugural terá lugar na segunda quincena do mes de outono, e nese mesmo día presentarase o programa cultural da entidade para o que resta de 2007 e un avance das actividades de 2008, que tocarán todos os campos, desde música ata teatro pasando polo cine, a danza e o audiovisual.

Na comparecencia posterior á reunión, Xosé A. Sánchez Bugallo agradeceu o traballo realizado e mostrou a súa satisfacción polo pulo que esta sede vai dar ao parque de Vista Alegre, unha zona con importantes e singulares edificios que se ve completada con esta obra. Para o rexedor compostelán a sede da SGAE "mellora, dignifica e dá calidade ao barrio".

Pola súa banda, o director xeral da SGAE para a zona noroeste anunciou a creación dunha comisión mixta de coordinación na que estarán presentes a propia Sociedade Xeral de Autores e Editores e o Concello e que terá como finalizade coordinar as actividades culturais a realizar neste novo espazo. Javier Vidal resaltou que esta sede quere ser un espazo aberto non só aos composteláns senón tamén ao resto do mundo, pois unha das apostas é fomentar a cooperación e o intercambio cultural, creativo e formativo con zonas como Latinoamérica.

O edificio, ideado polo arquitecto Antonio García-Abril, contou cun investimento de 10 millóns de euros.

Compartir: