TURISMO

Unha delegación de Luxemburgo visita o Concello para explicarlle ao alcalde de primeira man os actos conmemorativos dos 20 anos do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

24/08/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi a un grupo de membros do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais de Luxemburgo, que están en Santiago para preparar os actos conmemorativos dos 20 Anos do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

A delegación, integrada por Michael Thomas-Pennette (director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais), Sorina Capp (adxunta ao director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais), Arlette Arnaud Landau- Maire (alcaldesa da Cidade de Le-Puy-en-Velay) , Gerard Beaume, (xefe do Proxecto Saint Jacques/ Unesco), Robert Dubois, (primeiro adxunto do alcalde encargado de Cultura e Patrimonio), Marcel Schott (presidente da Comunidade de Aglomeración de Le-Puy-en-Velay) e Raymond Vacheron, (vicepresidente encargado do Desenvolvemento Turístico), achegouse ata o Concello de Santiago para contar de primeira man ao alcalde compostelán os detalles dos actos que terán lugar en outubro para celebrar os 20 anos do camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

A cidade de Luxemburgo acolle a sede do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, a entidade que se encarga de promocionar e difundir aquelas rutas declaradas Itinerario Cultural Europeo. Hai 20 anos que o Camiño de Santiago ostenta a distinción de Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Con motivo deste aniversario, a Consellaría de Innovación e Industria, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, constituíu unha comisión que se encargará da organización durante o mes de outubro de diversos eventos relacionados con esta distinción ao Camiño e co resto das rutas que comparten coa Xacobea a categoría de Itinerario

Santiago e Lituania, unidas polo Camiño de Santiago
A Ruta Xacobea tamén foi o eixo da outra reunión mantida polo alcalde compostelán no Pazo de Raxoi. O rexedor de Santiago recibiu ao embaixador da República de Lituania en España, Mecys Laurinkus, que acudiu con dous membros da Asociación do Camiño do Santiago de Lituania. Os tres fixeron o camiño en bicicleta desde Pamplona e á súa chegada quixeron achegarse ata o Concello nunha visita de cortesía para transmitirlle ao alcalde a súa gratitude e consideración pola institución que representa.

Compartir: