TURISMO

Ródase en Santiago a longametraxe "A noite que deixou de chover"

31/07/2007 Nos meses de agosto e setembro filmarase en Compostela a longametraxe "A noite que deixou de chover", dirixida polo compostelán Alfonso Zarauza e protagonizada por Luís Tosar. O filme conta coa colaboración do Concello de Santiago a través da súa Santiago de Compostela Film Commission, que asinou un convenio coa produtora.

"A noite que deixou de chover", unha produción da galega Perro Verde Films, a madrileña Iroko Films e a TVG, ten un orzamento de máis de 2 millóns de euros e será rodada integramente en Santiago, xa que o guión foi escrito polo director compostelán Alfonso Zarauza para a súa cidade.

A produción conta coa colaboración da Concellería de Cultura da Xunta de Galicia e da Santiago de Compostela Film Commission, a oficina do Concello de Santiago que, a través dun convenio coa produtora, participa activamente no proxecto.

Oito semanas de rodaxe
Dende o 6 de agosto e durante oito semanas, Zarauza e o seu equipo converterán a Santiago nun plató de cine para contar a historia de dous descoñecidos (Luís Tosar e a alemana Nora Tschirner) que se atopan, durante unha noite, nun Santiago máxico cheo de personaxes extravagantes e situacións sorprendentes.

A longametraxe reunirá a outras caras moi coñecidas do cinema galego e español, como Chete Lera, Fele Martínez, Mercedes Sampietro ou Miguel de Lira.

Compartir: