INFRAESTRUTURAS

Resólvese o contrato do novo Parque Comarcal de Bombeiros

30/07/2007 O Goberno local acordou a resolución do contrato de consultoría e asistencia técnica para a redacción do proxecto e dirección facultativa da nova sede do Parque Comarcal de Bombeiros, adxudicado no seu día a Alberto Noguerol del Río. A razón é o incumprimento do contratista da obriga de requirir a pertinente autorización para a modificación do proxecto.

O acordo de resolución leva emparellada a incautación da garantía definitiva formalizada no seu día, por considerar que se trata dun incumprimento culpable por parte do contratista. Ademais, trasládase o expediente ao Consello Consultivo de Galicia para que emita o preceptivo informe.

Cómpre lembrar que o devandito contrato de consultoría e asistencia fora aprobado pola Xunta de Goberno o 10 de xaneiro de 2005, por importe de 2.229.589 euros. Ese mesmo día iniciárase o procedemento de licitación das obras de construción, finalmente adxudicadas á empresa Extraco por 1.878.205 euros e un prazo de execución de 56 semanas.

O 9 de outubro de 2006, a Xunta de Goberno local, á vista dos informes dos que se derivaban irregularidades na execución do contrato, acordou requirir á dirección facultativa un informe sobre o estado de execución das obras e sobre as causas que motivaran a modificación do proxecto aprobado. Ademais, acordouse suspender a execución da obra en canto non se resolveran as incidencias detectadas.

No informe conclúese que o importe da obra executada ata a data ascende a 1.695.435 euros e a obra pendente de executar a 1.348.153 euros. Isto supón un incremento dun 36,51% con respecto ao orzamento de licitación e un 62,05% con respecto ao importe de adxudicación.

Á vista disto, na Xunta de Goberno do 16 de abril iniciouse o procedemento de resolución do contrato de dirección facultativa das obras de construción, por considerar que se produciu un incumprimento contractual.

Compartir: