ALCALDÍA

Santiago presidirá a Conferencia de Cidades do Arco Atlántico no mandato 2007-2009

29/06/2007 Compostela obstentará a presidencia da organización das cidades atlánticas durante o mandato 2007-2009, relevando no cargo á cidade escocesa de Cardiff. A proposta presentada polo alcalde santiagués, Xosé A. Sánchez Bugallo, conseguiu os votos de todos os membros da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico.

Os obxectivos programáticos presentados por Santiago están baseados no desenvolvemento sostible acadado en Compostela grazas ás políticas urbanísticas e rehabilitadoras aplicadas durante os últimos vinte anos, a partir da declaración da cidade como Patrimonio da Humanidade.

O programa elaborado por Compostela argumenta que co 80% dos europeos vivindo en áreas urbanas, as cidades teñen a chave do desenvolvemento sostible. As administracións municipais revélanse como a maior entidade capaz de corrixir desde o principio os problemas de carácter social, económico, político, e ambiental que están danando o mundo moderno.

Para aplicar os principios do desenvolvemento sostible Santiago propón que, a través das distintas comisións de traballo da CCAA, se reconsideren o conxunto das políticas locais, tales como a política do hábitat, o transporte urbano, a xestión da auga, o procesado de residuos, as enerxías renovables, pero tamén a rehabilitación de barrios desfavorecidos ou de terreos urbanos en desuso, a promoción da participación activa da poboación, a integración social, o acceso aos servizos básicos, etc.

Santiago pertence á CCAA desde que se fundou no ano 2000 a partir da iniciativa da cidade francesa de Rennes. A Conferencia das Cidades do Arco Atlántico (CCAA) agrupa na actualidade a máis de 40 cidades dos cinco estados que estruturan a fachada atlántica europea: Irlanda, Reino Unido, Francia, España y Portugal.

Xa como novo presidente da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico, Sánchez Bugallo, presidiu as sesións de traballo da tarde nas que se trataron as perspectivas da CCAA de cara ao futuro, en concreto do que se pode esperar da UE para desenvolver cidades competitivas e sostibles, nesta nova etapa da Unión Europea que van presidir os portugueses.

Respaldando a proposta de Santiago, na declaración final da Asemblea de Chester, as cidades do Arco Atlántico subscribiron o compromiso de elaborar un plan de actuación para establecer un diagnóstico dos retos máis importantes en materia medioambiental a través do estudio das consecuencias do cambio climático e como afectan aos territorios integrados na CCAA.

Compartir: