TURISMO

Turismo de Santiago ofrece visitas guiadas para todos os días do verán

29/06/2007 A Empresa Municipal de Turismo pon en marcha este verán "Compostela walking Tours", un conxunto de visitas guiadas que abarca todos os días da semana e permite coñecer a cidade, os seus conventos de clausura, igrexas e edificios contemporáneos; a súa vocación gastronómica e a súa sorprendente estampa nocturna.

Coincidindo co inicio da temporada alta, o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou as visitas guiadas e excursións programadas por Turismo de Santiago e comercializadas por Compostur, que se sumarán entre xuño e outubro aos produtos xa dispoñibles ao longo de todo o ano.

O obxectivo é, segundo Iglesias, "facer da nosa cidade un elemento máis atractivo e aproveitar todas as súas potencialidades turísticas". Aumentar a estancia media do turista en Compostela é unha das metas do programa, para mellorar unha cifra que na actualidade se sitúa nos 2,7 días de estancia media, que xa nestes momentos se sitúa por riba da de cidades como Madrid ou Bilbao.

A este fin, engadiu o xerente de Turismo de Santiago, Iñaki Gaztelumendi, únense outros como "diversificar a oferta e xerar alternativas de ocio". Na súa opinión, "queremos que o turista supere a barreira psicolóxica da Catedral como espazo turístico e a propia barreira física, desconxestionándoa a través doutros recursos turísticos". Con esta ampliación da oferta para os visitantes, preténdese ir conformando un calendario de actividades turísticas cada vez máis amplo, que contribúa á prolongación da estancia durante a temporada alta e permaneza como reclamo durante os meses de menor ocupación.

Tres novas visitas guiadas —o tour gastronómico, o tour nocturno e a visita ás igrexas— súmanse ao regreso de tres modalidades xa experimentadas en 2006 —as visitas guiada aos conventos de clausura, á arquitectura contemporánea e á cidade histórica en inglés— para completar un catálogo coñecido como "Compostela Walking Tours", no que tamén figuran as visitas audioguiadas con mp3 en seis idiomas.

Algo que facer todos os días da semana
Desta maneira, Turismo de Santiago conforma un calendario grazas ao cal os visitantes disporán de atractivos produtos turísticos todos os días da semana: os luns, visita á arquitectura contemporánea; os martes, tour da cidade histórica en inglés; os mércores, visita guiada ás igrexas; os xoves, visita guiada aos conventos de clausura e tour gastronómico; os venres, visita ás igrexas e tour nocturno; os sábados, visita aos conventos, tour gastronómico e tour nocturno, e os domingos, visita ao casco histórico en inglés.

Ademais, as excursións radiais de Compostela Visión ofrecen desde xuño ata outubro destinos como as Rías Baixas os luns, mércores e venres; Fisterra, os martes, xoves e sábados; e A Coruña e Betanzos os domingos.

Tour gastronómico
O tour gastronómico é unha visita guiada discorre polas máis tradicionais tendas de alimentación do casco histórico e polo popular Mercado de Abastos. Os participantes coñecen a cultura gastronómica galega e a dieta atlántica, os segredos dos alimentos e os métodos de cociñado máis típicos. A visita inclúe a degustación de produtos 100% galegos.

Esta ruta urbana estará dispoñible todos os xoves (inglés) e sábados (castelán) ás 11 da mañá. O seu prezo é de 15 euros e dura unhas dúas horas. Ao respecto do aspecto gastronómico, Xosé Manuel Iglesias anunciou que se convertirá nunha "referencia" no traballo futuro de Turismo de Santiago, ao igual que todo o que terá que ver co Xacobeo 2010, no que xa se está a traballar.

Santiago de noite
A visita nocturna permite admirar os monumentos de Santiago fóra dos horarios turísticos habituais e co encanto engadido de ver a cidade iluminada, entrar nos silenciosos claustros do Hostal dos Reis Católicos e coñecer algunhas das zonas máis animadas da vida nocturna compostelá. A visita remata nun pub, cunha popular queimada.

O tour nocturno terá lugar os venres (castelán) e sábados (inglés) ás 22:30 horas.

Igrexas e conventos de clausura
A nova visita guiada ás principais igrexas monumentais de Santiago constitúe unha oportunidade única para coñecer o patrimonio eclesiástico, todos os mércores e venres ás 11 da mañá.

A exitosa visita a tres dos cinco conventos de clausura femininos de Santiago volveu en Semana Santa e continuará todos os xoves (castelán) e sábados (inglés) ás 10:30 horas.

A visita ao casco histórico en inglés, pola súa parte, reiníciase os martes e domingos ás 18 h. e o percorrido bilingüe pola arquitectura contemporánea, os luns ás 11 da mañá.

Facer o Camiño de Santiago
Como importante novidade este verán, Compostur converte en produto turístico o Camiño de Santiago, con saídas en bicicleta o a pé durante xullo, agosto e setembro.

Os percorridos curtos da ruta de peregrinación eran un servizo moi demandado por turistas que xa estaban na cidade. Esta actividade permítelles agora converterse en peregrinos e obter incluso a Compostela, pois as peregrinacións organizadas parten de León e Astorga respectivamente.

Compartir: