PROMOCIÓN ECONÓMICA

Os gañadores da edición de primavera do Concurso de Escaparatismo recibiron as súas bandas

27/06/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, acompañado de representantes das asociacións comerciais, entregou as bandas que recoñecen aos gañadores da edición de primavera do IV Concurso Municipal de Escaparatismo.

O percorrido comezou polo primeiro clasificado, Media Lúa Marroquinería, situado na rúa Travesa, 5 baixo. Este comercio foi premiado "pola economía de medios cos que organiza o seu escaparate, construíndo cunha harmoniosa e minimalista ordenación dos seus produtos".

O seguinte punto de parada foi o terceiro clasificado, Petronio, establecemento da Rúa de San Pedro, 30 baixo. No seu momento, o xurado apreciou "o equilibrio e contraste que consegue no seu escaparate combinando produtos comerciais con xoguetes infantís, móbiles, elementos de papiroflexia e composicións gráficas que rememoran os traballos plásticos dos escolares".

Finalmente, a comitiva achegouse ata Andrómenas (Doutor Teixeiro, 30 baixo), gañador do segundo premio. Esta tenda de decoración achega "unha composición de gran calidade para promover mobles e accesorios de xardín no seu escaparate, creando un espazo envolvente que proxecta o mobiliario que se promociona comercialmente neste tempo".

Á edición de primavera do Concurso de Escaparatismo presentáronse 32 estabelecementos comerciais. Ademais da distinción, os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local, con campañas en televisión, en prensa e en radio, segundo a clasificación.

Edición de verán

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio ten previsto enviar aos establecementos comerciais da cidade a convocatoria da Edición de verán do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping". O certame, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións, que coinciden coas catro grandes tempadas comerciais: primavera, verán, outono e Nadal, con tres premios en cada unha delas e un gañador final. Está dirixido a todos os establecementos comerciais da cidade. A finalidade do concurso é incentivar aos comerciantes a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal do comercio, xa que na decisión do xurado prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Compartir: