ALCALDÍA

Santiago participará na Conferencia de Cidades do Arco Atlántico

27/06/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, viaxa a Chester (Inglaterra) para asistir á VIII Asemblea Xeral da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA).

Compostela foi convidada a participar nesta Asemblea da Conferencia, que se celebrará entre o 28 e o 30 de xuño. Creada no ano 2000 a partir da iniciativa da cidade francesa de Rennes, a Conferencia das Cidades do Arco Atlántico (CCAA) agrupa na actualidade a máis de 40 cidades dos cinco estados que estruturan a fachada atlántica europea: Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. Na actualidade a CCAA está presidida pola cidade escocesa de Cardiff.

A Conferencia de Cidades do Arco Atlántico xorde da necesidade de difundir a identidade atlántica e de facer partícipes dos seus traballos, ideas e proposicións a un amplo número de persoas. Desde antigo as cidades da zona atlántica, cas súas peculiaridades, veñen desenvolvendo as súas actividades en diferentes áreas como a economía, a cultura, o comercio; e afrontando os novos retos como a sostibilidade ou a sociedade da información, de forma coordinada. Todo isto sen esquecer a gran fachada marítima atlántica, que supón unha importante tarefa de relación entre as cidades e os portos do Arco Atlántico.

Novo escenario europeo

Hoxe en día no novo escenario europeo córrese o risco de que as cidades situadas na periferia, arredadas dos centros de decisión, queden dalgunha maneira esquecidas ou relegadas pola burocracia ou polas modas tendentes a mirar cara outros lugares do noso extenso continente que requiren igualmente atención. A Conferencia de Cidades do Arco Atlántico ten como obxectivo esencial evitar esa situación e lembrar a importancia e o interese que o espazo atlántico ten hoxe en día, así como o importante papel que pode e debe desempeñar no futuro.

Dende a súa creación ata a actualidade, a rede de cidades atlánticas creou unha estrutura de colaboración que se ven consolidando e fortalecendo con diferentes iniciativas. Para Santiago supuxo participar en proxectos europeos, sobre todo a través da iniciativa INTERREG III B Espazo Atlántico, e estar presente nas distintas instancias comunitarias, mediante a elaboración de documentos de posición ou reunións de distinto tipo.

Compartir: