EDUCACIÓN

Festactiva ofrece un programa de ocio alternativo para os mozos composteláns

31/05/2005 Durante os días 2 e 3 de xuño, os rapaces composteláns poderán disfrutar dun programa de actividades alternativas no Campus Sur de Santiago de Compostela.

Os vindeiros 2 e 3 de xuño chegará a Compostela Festactiva, a festa dirixida á mocidade que durante dous días ofrecerá diferentes alternativas culturais e de ocio no Campus Sur. Nacida ao abeiro da análise das necesidades e das inquedanzas da mocidade compostelá, esta iniciativa está xestionada por Coper@ctiva e conta coa colaboración do Departamento de Educación do Concello de Santiago.

Festactiva propón diversas actividades que conxugan formación, tempo libre e diversión. Todos os obradoiros, dirixidos a mozos de entre 16 e 30 anos, son abertos e gratuítos, pero con prazas limitadas.

Festactiva abrirase o día 2 ás 21 horas cos obradoiros de malabares, de dj hip-hop, de iniciación ao clown, de percusión africana e de rap. Arredor das doce da noite, haberá unha "Noite pallasa" que incluirá as actuacións de "Os 7 magníficos máis un" e "Dous son compañía".

O venres día 3 volveranse a repetir os talleres impartidos o xoves, e ademais haberá un obradoiro de construcción e manexo de malabares e outro de breakdance. Ás doce e media da noite, Festacción traerá animacións e demostracións dalgúns mestres dos cursos, mentres que a percusión do Senegal de Deggo e o rock galego da Matraca Perversa, poñerán o broche final a Festactiva.

Compartir: