PLENO

O Pleno aproba definitivamente a Ordenanza que regula a comunicación dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda

04/11/2024 No Pleno ordinario do mes de outubro, celebrado hoxe tras o adiamento da sesión prevista para a semana pasada con motivo dos tres días de loito oficial decretados polas víctimas da DANA, aprobouse de xeito definitivo a Ordenanza que regula a comunicación ao Concello de Santiago de Compostela dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda, cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e CA) e do grupo socialista e o voto en contra do grupo popular. Os grupos municipais tamén aprobaron por unanimidade a creación da Mesa de Hostalaría do Concello e a aprobación inicial do seu Regulamento.

A Ordenanza que regula a comunicación ao Concello de Santiago de Compostela dos usos de hospedaxe asimilados a vivenda, previsto no artigo 107.4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), quedou hoxe aprobado de xeito definitivo grazas aos votos a favor dos grupos do BNG, CA e PsdG. O proxecto aprobado finalmente, non sufriu ningunha modificación con respecto ao texto aprobado o pasado 24 de xuño e sometido ao proceso de exposición pública, aínda que o Goberno municipal terá en conta algunhas das suxestións presentadas.

Na súa intervención, o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, recordou que a "hotelización do parque residencial reduce, contrae a oferta de aloxamento estable dificultando o acceso a unha vivenda digna e adecuada", o que provoca un "impacto significativo no prezo da vivienda" e no "dereito á vivenda", polo que "é crucial limitala, como fan moitas cidades do mundo". "Non é tarefa doada, nin se limita á regulación, pero avanzamos na boa dirección e as nosas actuacións dan froitos: a oferta de vivenda en Santiago xa nota o retorno ao mercado residencial de inmobles que se dedicaban ilegalmente ao alugueiro turístico", engadiu.

Iago Lestegás tamén instou á Xunta a que "cumpra o artigo 44 do Decreto 12/2017" e "dea de baixa do seu Rexistro os aloxamentos que carecen do título habilitante municipal de natureza urbanística que é imprescindible para operar legalmente, como confirmaron os tribunais en numerosas sentenzas", xa que segundo o artigo 42 o mesmo Decreto, "a habilitación sectorial autonómica non exime da obriga de obter as demais autorizacións que sexan precisas, e isto inclúe, obviamente, a municipal", incidiu. O edil tamén anunciou que se reunirá proximamente co director de Turismo de Galicia para tratar este tema.

A ordenanza inclúe dous usos: o alugueiro turístico da vivenda por tempo limitado, cun máximo de 60 días ao ano, sempre que sexa tamén o lugar de residencia habitual dunha persoa física – entendido como lugar no que reside a persoa durante un período superior a 183 días ao ano-, e tamén o alugueiro turístico de determinados cuartos ou estancias na propia vivenda habitual. No caso do aluguer turístico por cuartos, aínda que se recolle na ordenanza municipal, tería que ser permitido expresamente na normativa de turismo de Galicia -actualmente está prohibido no Decreto 12/2017-.

O texto tamén detalla a documentación que deberá achegarse coa comunicación previa, entre a que se inclúe unha memoria técnica e unha certificación de que os usos turísticos da vivenda son compatibles cos estatutos da comunidade de veciños.

Mesa da Hostalaría

O Pleno tamén deu luz verde por unanimidade á creación da Mesa de Hostelaría do Concello e á aprobación inicial do regulamento que servirá de marco normativo para este órgano permanente de diálogo coas asociacións que agrupan o sector. Este foro nace co obxectivo de analizar conxuntamente os problemas, formular propostas e planificar medidas en ben do interese xeral a respecto de todos estes asuntos

O sector da hostalaría constitúen un dos sectores básicos na planificación económica e social deste de Santiago como receptor dunha importante afluencia turística, así como un motor fundamental da actividade socioeconómica pola riqueza e o emprego que xeran. Ademais, polas súas peculiaridades a súa actividade tamén ten un impacto na vida da cidade e en competencias municipais como os servizos de abastecemento e saneamento, a recollida e o tratamento de residuos ou a mobilidade, aordenación urbanística ou a convivencia e a procura dun modelo turístico máis consciente e sustentable.

Entre as funcións da Mesa de Hostalaría están as de promover ou realizar informes ou estudos sobre a situación do sector ou asuntos de competencia municipal que lle atinxan; potenciar a participación do sector nos asuntos municipais; impulsar a colaboración e cooperación entre asociacións e entidades, ou promover a participación do sector en prol de obxectivos de interese xeral.

Este órgano estará presidido pola alcaldesa e vicepresidida por unha persoa representante do sector. Participarán como vogais representantes das concellarías que exerzan responsabilidades delegadas nas materias de Urbanismo, Promoción Económica, Turismo e Seguridade; de cada un dos grupos políticos da Corporación e das entidades asociativas.

Tras este paso incial, abrirase agora un período de exposición pública do regulamento antes da súa aprobación final.

Outros asuntos

Na sesión plenaria de hoxe tamén se acordou por unanimidade a aprobación provisional da modificación da ficha A-17 do Catálogo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) correspondente aos números 72, 74, 76 e 78 avenida de Rosalía de Castro e a aprobación da modificación do orzamento municipal do exercicio 2024 no sentido de modificar o obxecto da nominativa recollida a favor da entidade "Fundación Secretariado Gitano". Tamén foi apoiado polo conxunto da Corporación unha proposición presentada polo grupo municipal socialista para o impulso de accións específicas ante o desafío da saúde mental e unha moción presentada tamén polo PsdG-PSOE para a salvagarda e exposición do legado da compañía de monicreques de Kukas.

Compartir: