ALCALDÍA

A alcaldesa de Santiago formará parte do Padroado da Fundación Panteón de Galegos Ilustres

30/10/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín mantivo esta mañá un encontro co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos e co arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, para abordar a posta en marcha do Padroado da Fundación Panteón de Galegos Ilustres.

Goretti Sanmartín representará o Concello de Santiago no Padroado da Fundación Panteón de galegas e galegos ilustres, un organismo que estará presidido polo xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, e do que tamén formarán parte do mesmo as persoas integrantes os devanditos representantes da Xunta de Galicia e da Arquidiócese de Santiago.

Na Lei 5/2023, do 4 de agosto, do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, aprobada o pasado ano pola Cámara galega, recoñécese ao Panteón como "símbolo da identidade do pobo galego e da súa continuidade histórica" e o "espazo físico destinado a honrar e perpetuar a memoria das persoas que contribuíron significativamente á afirmación da identidade de Galicia".

O obxectivo da fundación centrarase na "conservación, xestión e promoción do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, así como dos valores que representa" e estará rexido polos seus propios estatutos.

Tras a reunión, en declaracións aos medios, a alcaldesa compostelá destacou a "unanimidade total" de poñer en marcha esta fundación. Asemade, destacou a relevancia do panteón e da importancia de que se "proxecte para o conxunto do país".

Neste sentido, Goretti Sanmartín explicou que quedaron definidas as persoas que participarán na sinatura ante notaría da constitución desta fundación, na que ela mesma participará, así como o reparto das achegas económicas. Neste sentido, o presidente do Parlamento trasladou que a que constitúe a primeira institución de Galicia será a "máis xenerosa" nesta achega.

"O importante é dar pasos para que o panteón sexa un lugar de orgullo e de dignidade para o conxunto de galegos e galegas", sentenciou.

Compartir: