LINGUA

O Samaín chega ao Espazo Apego

29/10/2024 No Espazo Apego haberá espectáculos, contos, cociña, experimentos, visita de Dornavela Edicións...Vivimos o Samaín con gargalladas terroríficas! A proposta de actividades do mes de novembro no Espazo Apego ten xa os formularios de inscrición abertos.

Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h as persoas solicitantes recibirán un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.

A lingua medra

Esta actividade terá lugar todos os luns do mes ás 17 h no Espazo Apego e vai dirixido á cativada entre 2 e 6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres previo á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.

Luns 4. Merendolas: merenda terrorífica (arañas e momias… xa chega o Samaín!)
Luns 11. Movéndonos con Apego
Luns 18. Quen vén? Dornavela Edicións
Luns 25. Experimentamos

Tardes de contos

Os martes 5, 12, 19 e 26 de outubro estarán reservados para as 'Tardes de contos', un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0-3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.

Enredando e lingoretando

Os mércores desenvolverase a actividade ‘Enredando e lingoreteando’, un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc, para propiciar a interacción.

Mércores 6. Xogamos coas palabras
Mércores 13. Fabricamos xoguetes
Mércores 20. Imos ao patio
Mércores 27. Xincana de palabras

Tachán!

Un xoves cada quince días contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.

Caldo con unto e ósos de defunto, de Ángeles Goas (de 3 a 6 anos) - xoves 14 ás 18 h
Caldo con unto e ósos de defunto é unha sesión de contos para vivos que se acordan de mortos. Contos que queren ser de medo pero que tamén dan risa. Está indicada para valentes e non tan valentes porque entre os sustos tamén haberá algunha que outra gargallada.

Animais encantados, de Sonsoles Penadique e Carla Cecilia Riquelme (de 6 meses a 4 anos) - xoves 28 ás 18 h
Con este espectáculo de música e danza traemos un feixe de animais encantados, que non inventamos para a ocasión: existen na tradición galega, europea e suramericana desde tempos inmemoriais. O que teñen en común estes animais é que todos están dobremente encantados: encantados pola súa maxia e encantados de cantar, bailar, contar e xogar coas crianzas.

Compartir: