XUVENTUDE

As bandas do Centro Xove da Almáciga mostran o seu talento no III Festival Lanzadeira

30/09/2024 O Festival Lanzadeira celebrará a súa terceira edición o próximo 5 de outubro, para seguir promocionando o talento das bandas que utilizan os locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga. Desta vez, ao escenario subirán catro grupos de Santiago: Jaco, Ulex, Musgo 981 e Killo Karallo. A eles sumarase, como novidade, unha formación convidada chegada dos locais de ensaio de Pontevedra: Mamasunción.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e o docente coordinador do programa, Guillermo Vistoso, presentaron hoxe o III Festival Lanzadeira, que se vai celebrar o 5 de outubro na Praza 8 de Marzo. A tenenta de alcaldesa incidiu en que "esta proposta vai máis alá dun concerto, senón que é todo un proceso formativo que procura a profesionalización dos grupos e artistas que utilizan os locais municipais de ensaio". María Rozas reiterou que "a nosa intención é reforzar na medida do posible o Centro Xove da Almáciga, para atender mellor a enorme demanda que teñen os locais de ensaio e, desta maneira, explotar o talento local e reforzar a nosa industria cultural". Nesa liña, lembrou que "estamos apostando por darlle presenza ás bandas da Almáciga en todo tipo de eventos, programados polo Concello ou que conten coa colaboración da administración local".

Proceso formativo intenso

O III Festival Lanzadeira celebrarase o 5 de outubro, na Praza 8 de marzo a partir das 17:30 horas. No concerto, de balde, participarán Jaco, Ulex, Musgo 981 e Killo Karallo. A principal novidade desta edición será a participación dunha banda dos locais de ensaio de Pontevedra, Mamasunción, "de maneira que os grupos da Almáciga terán despois a oportunidade de participar tamén nalgún evento nesa cidade, para darse a coñecer noutros escenarios e con outros públicos".

Tal e como explicou Guillermo Vistoso, o concerto do sábado "é o peche dun proceso formativo no que as bandas teñen a oportunidade de traballar co equipo técnico do espazo do Centro Xove, para elaborar e gravar un tema propio e afondar no proceso de preparar o repertorio para o directo". O responsable da actividade apuntou que "nesta edición traballamos con menos grupos que nas anteriores, pero foi un traballo máis intenso, que vai derivar ademais de no concerto na gravación dalgún disco e tamén dalgún videoclip".

Guillermo Vistoso salientou tamén que este ano haberá escenario cuberto, unha proposta de montaxe máis avanzada, e melloras importantes no son e na iluminación, grazas aos investimentos adicionais que ven facendo a Concellaría de Xuventude no Centro Xove.

Compartir: