CIDADES PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade defende un urbanismo máis sustentable e unha mellora da calidade de vida das persoas que habitan os centros históricos

25/09/2024 A presidenta do Grupo e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, afirma que "a mellora da calidade urbana, a habitabilidade das cidades, a reformulación da mobilidade, a renaturalización dos espazos urbanos e a loita contra a emerxencia climática", forman parte dos grandes retos. Unha delegación do Grupo asiste ao XVII Congreso Mundial da Organización das Cidades do Patrimonio Mundial, que se celebra en Córdoba ata o 27 de setembro. No marco do Congreso, que reúne representantes de 65 cidades Patrimonio Mundial Unesco, tamén se van a celebrar diferentes actividades, entre as que destaca un espectáculo de 220 drones para celebrar o XXX aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio.

Unha delegación do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, encabezado pola presidenta do Grupo e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, está a asistir ao XVII Congreso Mundial da Organización das Cidades do Patrimonio Mundial, que se celebra en Córdoba até o 27 de setembro, baixo o título 'Simposio sobre a Habitabilidade dos Centros Históricos. Cara a un novo proxecto urbano (2022-2026)'.

"Estamos a participar nun Congreso que nos sitúa na vangarda en cuestións que son de absoluta relevancia a nivel mundial. Trátase de cuestións que teñen que ver coa mellora da calidade urbana; coa habitabilidade das cidades, coa reformulación da mobilidade, coa renaturalización dos espazos urbanos e coa loita contra a emerxencia climática. En definitiva, con todo o que podemos facer para avanzar cara a un urbanismo máis sustentable e unha mellora da calidade de vida das persoas que habitan as nosas cidades", sinalou a presidenta do Grupo e alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.

O alcalde de Córdoba, José María Bellido Roche, deu a benvida á delegación do Grupo, encabezada por Goretti Sanmartín, da que formaban parte os alcaldes e alcaldesas de Ávila (Jesús Manuel Sanchez Cabrera); Baeza (Pedro Cabrera), Cuenca (Darío Dolz), Ibiza/Eivissa (Rafael Triguero), Salamanca (Carlos G. Carbayo), San Cristóbal de la Laguna (Luís Yeray), Segovia (José Mazarías), Toledo (Carlos Velázquez) e Úbeda (Antonia Olivares), ademais do concelleiro de Patrimonio Histórico e Urbanismo de Tarragona, Ignacio García Latorre, xunto co xerente do Grupo, Javier Martín Arroyal, e a secretaria xeral, Rosa Ruiz Entrecanales.

"Para o Grupo de Cidades Patrimonio é moi interesante participar neste tipo de foros onde se reflexiona, se debate, danse ideas e alternativas e onde se contrastan experiencias. Neste contexto debemos ter un papel activo achegando o noso grao de area neste tipo de reflexións atendendo á responsabilidade engadida que temos en canto á protección e preservación do patrimonio das nosas cidades", engadiu a presidenta do Grupo, Goretti Sanmartín.

Pola súa banda, o anfitrión, o alcalde de Córdoba, que tamén forma parte do Grupo, sinalou que "o futuro das nosas cidades Patrimonio Mundial debe basearse en eixos fundamentais como a sustentabilidade, a xestión eficiente de recursos naturais e a promoción de enerxías renovables. Hai que involucrar á comunidade local na toma de decisións, porque os cidadáns deben sentirse parte do proceso de conservación e desenvolvemento do seu patrimonio. É importante que os centros históricos sexan espazos vivos, lugares onde a vida cotiá protagonice o día a día".

Segundo José María Bellido, "a organización dun congreso desta magnitude en Córdoba supón unha excelente oportunidade para mostrar ao mundo o compromiso da nosa cidade coa conservación e promoción do seu patrimonio cultural e arquitectónico, sen esquecer que permite o intercambio de experiencias e coñecementos con outras cidades patrimonio" e puxo de manifesto que "a autenticidade social e cultural, a aposta polo desenvolvemento sustentable debe convivir co impulso económico a ese tecido produtivo presente nas cidades patrimonio que é fundamental para manter viva a identidade e tradición propia de cada pobo, de cada comunidade. Temos que traballar coa mirada posta nas futuras xeracións, a quen habemos de axudar a ter consciencia e compromiso coa preservación do seu patrimonio".

No marco desta cita fundamental para compartir coñecementos, experiencias e estratexias para preservar e mellorar as cidades patrimonio, que reúne a representantes de 65 cidades Patrimonio Mundial Unesco, tamén se van a celebrar diferentes actividades, entre as que destaca un espectáculo de 220 drones para celebrar o XXX aniversario do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade.

Compartir: