DEPORTES

Compostela acollerá este domingo a IV Milla Urbana Portas de Compostela

25/09/2024 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou esta mañá a IV Milla Urbana "Portas de Compostela", que se celebrará en Santiago o vindeiro domingo 29 de setembro a partir das 10 horas. Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; o presidente do Club Atletismo Santiago, Juan Pablo Fernández; e Eva Piñel, do Real Club Celta de Atletismo e número 1 do ranking galego da distancia.

O Concello de Santiago organiza, en colaboración coa Federación Galega de Atletismo e do Club Atletismo Santiago, a IV Milla urbana Portas de Compsotela que se celebrará o vindeiro domingo 29 a partir das 10 da mañá na contorna da praza de Galicia. Trátase dunha proba que está dentro dos calendarios oficiais da Real Federación Española de Atletismo e da Federación Galega.

Pilar Lueiro convidou a toda a veciñanza compostelá a participar nas diferentes carreiras "pois teñen cabida case todas as idades, de sub8 a máster, con distancias que van desde, 1 km ata a milla, é dicir, 1.609 metros, e mesmo 350 metros para os sub8, nesta categoría haberá medallas para todos e todas as paticipantes".

A concelleira tamén destacou que "iniciativas como esta son as que sitúan ao noso concello como un referente deportivo, como a capital do deporte galego. Vai ser unha proba espectacular polo marco no que se desenvolve e gustarianos que se consolidase no calendario e fose de referencia na distancia a nivel nacional".

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, quixo agradecer ao Concello "que se recupere esta cita histórica" e anunciou a participación de atletas recoñecidos como Adrián Ben Montenegro, Esther Guerrero ou a propia Eva Piñel, presenta na rolda de prensa, que é campioa galega absoluta dos 1500 metros, de milla e de 5 km ruta na tempada 2024, e que participará na proba ELITE FEMININA.

A inscrición para esta proba estará aberta ata mañá xoves 26 de setembro ás 13 horas, tanto para atletas federados como non federados na web da Federación Galega de Deportes carreirasgalegas.com.

Cortes de tráfico

Con motivo da celebración da carreira IV Milla Urbana Portas de Compostela, este domingo, 29 de setembro, a rúa da Senra, praza de Galicia e Fonte de Santo Antonio permanecerán pechadas ao tráfico entre as 9 e as 14 horas.

No punto que une a rúa de Rosalía Castro coa rúa de Xoán Carlos I, o tráfico será desviado cara á rúa Rapa da Folla, e os vehículos que suben pola rúa do Hórreo terán que continuar pola rúa de República do Salvador (salvo os que vaian utilizar o parking da praza de Galicia). Os vehículos que baixen pola rúa das Rodas, terán que desviarse na Porta do Camiño cara á rúa de Valle Inclán e os que saian da zona peonil desde San Fiz ou praza de Mazarelos poderán baixar pola rúa das Trompas.

Transporte urbano

Con motivo deste corte de tráfico, varias liñas de transporte urbano veranse afectadas desde as 09.00 ás 14.30 horas deste domingo, 29 de setembro. Toda a información pode ser consultada na páxina de Tussa.

Direccións relacionadas



Compartir: