DEPORTES

A 12ª Marcha Unificada de Special Olympics Galicia chega a Santiago de Compostela o 4 de outubro

24/09/2024 A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este mañá a 12ª Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galicia. A proba desenvolverase en catro etapas, os días 3, 4, 5 e 6 de outubro, en diferentes puntos de Galicia. A etapa de Santiago celebrarase o vindeiro venres 4 de outubro, cun percorrido polas rúas compostelás que se pechará na praza do Obradoiro sobre as 14:00 horas.

A Marcha Ciclista Unificada chegará a localidades das catro provincias galegas, comezando o 3 de outubro coa primeira etapa pola localidades lucenses de Burela-San Ciprián (20,4 quilómetros). Continuará ao día seguinte, o 4 de outubro, en Santiago (18,1 quilómetros), o 5 de outubro percorrerá a localidade ourensá do Carballiño (case 14,4 quilómetros) e rematará o día 6 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13,1 quilómetros).

A concelleira Pilar Lueiro puxo en valor "a importancia do deporte como vehículo para favorecer a autoestima, a capacidade de superación, a igualdade social e a inclusión" e destacou que esta proba, que conta coa colaboración do Concello, permite "visibilizar o colectivo e axudar a quen o forma a potenciar as súas habilidades de socialización, ademais de ser unha xornada de convivencia nesta Compostela diversa, acolledora e boa de vivir". Acompañárona na rolda de prensa Carmen Taboada, vogal de Special Olympics Galicia e tesoureira da asociación ASPAS, e Antonio Leira Piñeiro, deputado provincial de Deportes.

A etapa de Santiago, con saída e chegada na praza do Obradoiro, arrancará ás 11:30 horas do vindeiro 4 de octubre e contará coa participación de 48 ciclistas que percorrerán varias rúas de Compostela. Sete entidades da discapacidade intelectual colaborarán nas diferentes etapas: CLUB XIABRE (Vilagarcía), CLUB CICLISTA MONFORTE (Monforte de Lemos), AS BURGAS (Ourense), ASPAS (Santiago de Compostela), PRODEME (Monforte de Lemos), Fundación EU SON (Burela), SAN FRANCISCO (Vigo) e CON ELES (Vilagarcía).

Special Olympics Galicia

Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

Compartir: