LINGUA

Os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir a participación ás persoas creadoras de contidos en galego en TikTok

24/09/2024 Os premios, cuxas bases xa están publicadas en youtubeiras.gal, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. O prazo de inscrición está aberto até ás 23.59 horas do 15 de novembro. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e da Deputación da Coruña.

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, abre hoxe o prazo de inscrición para a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema Fachenda ao cadrado. Unha edición na que os Premios Youtubeiras renacen como Premios Youtubeiras+ ao abrir o seu alcance ás creacións en galego en TikToK. Os galardóns amplían, deste xeito, o seu campo de acción, modifican as súas bases e mudan as categorías nas que se dividen. "Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+", explicou Cristina López, vicerreitora de igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá na Reitoría da Universidade da Coruña, na que estivo acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas.

Na súa intervención, López subliñou a importancia da implicación neste proxecto de diferentes institucións e a participación das tres universidades. "A colaboración das tres universidades no proxecto Youtubeiras+ amosa o noso compromiso coa lingua, cuxo futuro está nas novas xeracións e nas fórmulas de comunicación que escollen e empregan no seu día a día", reflexionou López antes de salientar que as redes sociais son hoxe por hoxe un "ecosistema fundamental" para o espallamento, a medra e a proxección das linguas.

Novas incorporacións e novas bases

Pola súa banda, a alcaldesa de Teo abriu a súa intervención para darlles a benvida aos concellos que este ano se incorporan a Youtubeiras+. "Amosamos o noso agradecemento a Ferrol, Oleiros e Narón por decidirse a dar o paso e formar parte deste proxecto", destacou Lucía Calvo de la Uz antes de incidir en que, como iniciativa viva, "Youtubeiras+ evoluciona e cambia constantemente" e en que dentro desas mudanzas tamén se inclúen os cambios que se producen cada ano no núcleo organizador. "Hai concellos que permanecen desde o principio, igual que as universidades e a Deputación da Coruña, algúns marcharon e outros regresaron, e outros únense hoxe para continuar a apoiar esta comunidade e tamén o noso idioma. Moitas grazas e benvidos", sentenciou a rexedora de Teo.

Lucía Calvo de la Uz lembrou ademais que o prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23.59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal. As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

7500 euros en premios

Os Premios Youtubeiras+, tal e como sinalou a alcaldesa de Teo, repartirán nesta nova edición 7500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de YouTube e canle de Tiktok recibirán 1250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o premio do público levará 1000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

Datos de edicións anteriores

María José Santos Zas, concelleira de Oleiros, falou en nome dos municipios que neste 2024 se incorporan a Youtubeiras+. "Sumarnos a unha iniciativa como Youtubeiras+ amosa o noso compromiso tanto co galego como coas persoas que están a crear contidos no noso idioma, xente maioritariamente nova que está a abrir novos camiños para a lingua, pero tamén para a creación artística, para a divulgación e para o tratamento dunha gran variedade de temáticas", resaltou Santos Zas antes de achegar unha serie de datos das edicións anteriores. "En 2023, participaron 68 canles de YouTube con vídeos que supuxeron máis de 32.000 novos minutos en galego en YouTube", puxo en valor Santos Zas.

A concelleira de Oleiros afondou no repaso de cifras desde a posta en marcha de Youtubeiras. En 2017, ano da primeira edición, rexistrouse unha participación de 202 vídeos, mentres que en 2020 se acadaron os 536. A partir de 2021, os galardóns centráronse nas canles máis que no groso dos vídeos. Así, en 2021 presentáronse 38 canles e en 2022 concorreron 75.

O xurado e formación

Por último, Blas García, alcalde de Ames, tras recalcar "a importancia capital" do "esforzo colectivo e a colaboración entre institucións" en iniciativas a prol do idioma, desvelou os nomes das persoas que integran o xurado. "Desde a organización, sempre recoñecemos e agradecemos o gran traballo que realizan os membros do xurado. Cada ano élles máis complicado debido ao constante incremento que percibimos na calidade técnica, na calidade lingüística e no interese das propostas temáticas e na súa variedade", admitiu García.

O xurado dos Premios Youtubeiras+ estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

Por último, aproveitouse a rolda de prensa para presentar as actividades formativas de Youtubeiras+, xa que este proxecto un ano máis transcende os lindes da convocatoria dos premios. Baixo o título Fiadeiros dixitais, impartiranse obradoiros en centros de ensino medio dos concellos organizadores e campus universitarios cos obxectivos de dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, mostrar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións. Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.

Á rolda asistiron tamén a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz; o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra Tuñas; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso; a concelleira de Cultura e Festas do Concello de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo, e persoal técnico de normalización lingüística das diferentes entidades organizadoras, entre elas, Marta Besada, do Concello de Santiago.

Direccións relacionadas



Compartir: