CENTROS SOCIOCULTURAIS

O proxecto Barraca XXI da Fundación SGAE trae a Conxo tres obradoiros de cultura urbana

13/09/2024 O centro sociocultural Aurelio Aguirre de Conxo e a Casa das Asociacións de Cornes serán o escenario dun ciclo de obradoiros de música urbana, organizado pola Fundación SGAE en colaboración coa Concellaría de Centros Socioculturais. Trátase dunha actividade enmarcada no programa "Barraca XXI", un proxecto co que a entidade celebra o seu 125 aniversario impulsando o desenvolvemento cultural e a acción social e colectivos sensibles e espazos vulnerables. O programa desenvólvese en sete cidades do Estado, e no caso de Santiago ponce o foco na saúde mental a través dunha alianza co Hospital Psiquiátrico, a Asociación Itínera, e o conxunto da comunidade de Conxo.

O concelleiro Xan Duro agradeceulle á Fundación SGAE este proxecto, "que comparte filosofía coa rede de centros socioculturais, como elemento xerador e de reforzo da vida comunitaria". O edil salientou que "o Psiquiátrico é unha parte fundamental na vida de Conxo, un barrio que é exemplo de sensibilización e normalización da saúde mental". Ademais, Duro puxo en valor a colaboración coa Fundación SGAE, "que e concreta nuns obradoiros moi atractivos para un tipo de público ao que custa un pouco máis chegar desde a rede de centros".

A coordinadora da Fundación SGAE, Patricia Blanco, explicou que os obradoiros están enmarcados no proxecto de Barraca XXI, "que activa o valor do talento dos socios e socias da SGAE, poñéndoo ao servizo da transformación social, neste caso da socialización e normalización das persoas con trastorno mental". No programa véñense desenvolvendo diferentes actividades ao longo dos últimos seis meses, en colaboración co Psiquiátrico e coa Asociación Itínera, e estes obradoiros "supoñen quebrar as fronteiras emocionais e físicas do centro".
Dous dos artistas que participan no ciclo, Pauliña e Berto, participaron tamén na rolda de prensa, mostrando o seu orgullo pola implicación nuns obradoiros que sensibilizan e rachan cos perxuízos sobre as enfermidades e os problemas de saúde mental.

Tres obradoiros de música urbana

O proxecto Barraca XXI trae a Conxo tres obradoiros de enorme interese que se van desenvolver do 20 de setembro ata finais de outubro. O primeiro deles será un obradoiro de creación musical, que se desenvolverá os días 20 e 27 de setembro e 5 de outubro, no centro sociocultural Aurelio Aguirre. A actividade correrá a cargo de Pauliña, a artista cambadesa que neste ano presentou novo disco, "Galego is not dead", e que é exemplo de creatividade, compromiso e coidado dos seus directos.

Os días 4, 11 e 19 de outubro, tamén no centro sociocultural Aurelio Aguirre, haberá un obradoiro de rimas e hip hop, cun dos grandes referentes da música urbana en Galicia, García M.C. O rapeiro leva máis de vinte anos en activo, sempre mostrando un enorme afán divulgativo sobre a cultura do hip hop e impartindo cursos como o que se vai desenvolver en Conxo.

O ciclo enmarcado no proxecto Barraca XXI complétase cun obradoiro de produción musical, os días 22, 23 e 24 de outubro, na Casa das Asociacións de Cornes. A formación correrá a cargo de Berto, un artista plenamente consolidado, que vén de iniciar proxecto en solitario cun traballo no que precisamente fala de saúde mental, visibilizando cuestións como a depresión ou os problemas de autoestima.

Os tres obradoiros son de balde, pero requiren inscrición previa que se pode facer desde hoxe no CSC de Conxo, no teléfono 981 528740. Haberá prazas reservadas para persoas vinculadas ao Psiquiátrico de Conxo e a participantes no proxecto Barraca XXI.

Compartir: