CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Biblioteca José Saramago da rede de Centros Socioculturais inicia novo curso "coa vontade de seguir facendo de Santiago unha cidade lectora"

10/09/2024 A Biblioteca Municipal José Saramago da rede de Centros Socioculturais afronta un novo curso cheo de actividades, que se desenvolverán fundamentalmente nas aulas de lectura dos CSCs de Vite, As Fontiñas, Conxo e Santa Marta. O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, salientou que a programación, dirixida tanto ao público infantil como ao adulto, márcase como obxectivo "seguir aumentando o número de persoas lectoras en Santiago e facer da literatura un lugar de encontro para moitos veciños e veciñas". Para iso, continúa a aposta polos clubs de lectura e de escrita creativa, por programas como "12 meses, 12 libros"; ou polas actividades paralelas como os roteiros culturais.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou hoxe a programación da Biblioteca Municipal "José Saramago" para o curso 2024-2025 que acaba de comezar, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola técnica do departamento, Guadalupe Rodríguez, responsable da programación. O edil lembrou que a biblioteca celebrou este ano o seu 25 aniversario, "demostrando que goza de moi boa saúde, con máis de 60.000 exemplares catalogados, máis de 6.000 usuarios e usuarias, 13 clubs de lectura activos, e un amplo programa de actividades anual como o que hoxe presentamos".

"12 meses, 12 libros"

No curso que comeza, a Biblioteca Municipal José Saramago organiza unha nova edición da actividade "12 meses, 12 libros", que chega á súa quinta edición. Trátase dun reto no que os lectores e lectoras irán selando un pasaporte cos libros que retiren nas bibliotecas da rede, seguindo a temática que se determine para cada mes do ano. Preto dun cento de persoas participaron na anterior edición do programa, tanto nenos e nenas como persoas adultas.

Clubs de lectura e escrita creativa

A actividade de "12 meses, 12 libros", é o complemento perfecto para os clubs de lectura dos Centros Socioculturais, que tamén funcionan ao longo de todo o ano. Na actualidade hai 13 clubs de lectura activos, tanto para público infantil como para persoas adultas. Os clubs reúnense semanal ou quincenalmente, nos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo, Santa Marta, O Ensanche e Maruxa e Coralia da zona histórica. Neste último centro, así como nas Fontiñas, Santa Marta e en Conxo celébranse tamén obradoiros de escrita creativa.

Entre as actividades complementarias de carácter estable destacan as propostas infantís, como o "Club das mentes pensantes" ou "Os misterios de Vite", que se desenvolverán no barrio; a actividade "Que sesera se xera" de animación á lectura a través de debates ou scape room, que se celebrará en Conxo, ou a actividade "Vive a aventura", tamén en Conxo.

Actividades paralelas

Ademais, a Biblioteca Municipal José Saramago desenvolve outras moitas actividades ao longo de todo o ano, moitas delas vinculadas á celebración de determinadas efemérides relacionadas coa literatura. Así, desde a Rede de Centros
Socioculturais conmemoraráse o Día de Rosalía, o día das Mulleres, o Día do Libro, ou o Día das Letras Galegas, entre outras datas sinaladas, con charlas, exposicións, visitas, soltas de libros, ou diferentes agasallos para as persoas usuarias.

Compartir: