PROMOCIÓN ECONÓMICA

Aberto desde mañá o prazo para solicitar subvencións dirixidas a empresas de economía social

30/08/2024 Tras a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) de hoxe, 30 de agosto, as empresas interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o 1 de outubro. Esta convocatoria conta cun orzamento de 120.000 euros.

Con esta convocatoria de axudas, que conta cun orzamento de 120.000 euros, o Concello de Santiago pretende contribuír á consolidación e desenvolvemento do tecido empresarial no Concello apoiando a empresas de economía social mediante axudas ao gasto corrente no que incorren para desenvolver a súa actividade empresaria. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 1 de outubro.

Á convocatoria de axudas a empresas de economía social poden optar aquelas cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción que teñan iniciada a súa actividade o 1 de xaneiro de 2024, ou que a inicien dentro do período subvencionable, e se manteñan en activo durante o ano da convocatoria. Tamén é requisito para obter as axudas que as empresas teñan a súa sede social, fiscal e, polo menos, un centro de traballo, no concello de Santiago.

Como novidade, nesta convocatoria introdúcese como criterio de valoración o triple impacto social, medioambiental, ademais de económico, que deberá estar recollido na memoria empresarial presentada.

Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes realizados e pagos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 1 de outubro deste abo. O importe final da subvención non poderá superar o importe máximo de 5.000 euros por beneficiario, nin o importe total do 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.

Compartir: