LINGUA

O Espazo Apego dá a benvida ao novo curso cun amplo programa de actividades para o mes de setembro

29/08/2024 Tras o descanso estival, o Espazo Apego presenta a súa oferta de actividades para o mes de setembro, cuxo prazo de inscrición xa está aberto.

Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 h as persoas solicitantes recibirán un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.

A lingua medra

Esta actividade terá lugar todos os luns do mes ás 17 h no Espazo Apego e vai dirixido á cativada entre 2 e 6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres previo á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.

Luns 2. Merendolas
Luns 9. Movéndonos con Apego
Luns 16. Quen vén?
Luns 23. Experimentamos
Luns 30. Experimentamos

Tardes de contos

O martes 3 recupérase a sesión adiada do ciclo 'Contos no parque', 'Caderno de cores e cancións' con Magín Blanco, para a cativadada de máis de 3 anos. Terá lugar nos arcos do parque de Bonaval ás 18 h e non require inscrición previa. 'Caderno de cores e cancións', a máis recente proposta de Magín Blanco, ofrece un concerto participativo en que, na compañía do músico Pablo Vidal, convida ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións. As melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas.

Os martes 10, 17 e 24 de setembro estarán reservados para as ‘Tardes de contos', un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0-3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.

Enredando e lingoretando

Os mércores desenvolverase a actividade ‘Enredando e lingoreteando’, un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc, para propiciar a interacción.

Mércores 4. Xogamos coas palabras
Mércores 11. Fabricamos xoguetes
Mércores 18. Imos ao patio
Mércores 25. Xincana de palabras

Tachán!

Un xoves cada quince días contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.

Son animal de Paco Nogueiras (de 2 a 6 anos) - xoves 12 ás 18 h
Moi preto de nós viven toda clase de ANIMAIS. Hainos grandes, pequenos, con pelo, con plumas, cornos, rabo, con catro patas, dúas… ningunha. Todos son diferentes e especiais, todos marabillosos. E todos… co seu SON. Paco Nogueiras presenta as súas novas cancións que nos levan polo mundo a través de diferentes estilos musicais. Preparémonos para cantar como ANIMAIS, pois o gran SON dos nosos amigos está a piques de comezar!

Que animaliño é? de Trémola Teatro (de 6 meses a 4 anos) - xoves 26 ás 18 h
Obra para gozaren, coñeceren e recoñeceren as cousas que ven o seu redor as crianzas. A través de diferentes elementos sensoriais (nobelos de la, burbullas de xabón, instrumentos, sons…) gozarán dunha emocionante aventura.

Compartir: