O Pleno aproba o destino dos remanentes de 2023 cos que se avanza na creación dun parque de vivenda pública de titularidade municipal en alugueiro
31/07/2024 No Pleno extraordinario do Concello de Santiago celebrado esta mañá aprobouse o expediente de crédito extraordinario que permitirá empregar os remanentes para a adquisición de bens inmobles no ámbito do Plan Especial PE-1 para o uso como vivenda pública, actuacións e obras urxentes no ámbito urbano e rural, ou o avance na xestión do ciclo integral da auga. En total, o expediente recolle partidas por un importe total de 6.779.998,82 euros que estará financiado na súa totalidade con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do concello do exercicio 2023. Os grupos municipais tamén aprobaron por unanimidade os festivos locais para o vindeiro ano que recaerán no 29 de maio, día da Ascensión, e no 16 de agosto, día de San Roque.
O destino dos remanentes defendeuno o concelleiro de Economía, Facenda, Persoal, e Modernización da Administración Local, Manuel César Vila que explicou que se trata dunha proposta de dotación de fondos "realista" que ten por obxecto "que se executen actuacións urxentes que melloren a seguranza, a accesibilidade, resolvan problemas de inundacións ou reparen o estado de espazos públicos, entre outras" e en xeral "mellorar o benestar da veciñanza e a xestión municipal".Manuel César explicou que estes remanentes tamén estarán destinados a saldar débedas, "como é o caso dos 2.570.636,54 euros destinados a contenciosos interpostos por VIAQUA reclamando o incremento de tarifas durante os anos 2019 e 2020, os sobrecustes das novas instalacións entre os anos 2016 a 2020 e da fase III da depuradora da Silvouta entre os anos 2018 a 2020" co obxectivo de "reducir os xuros xerados por estas contías acrecentados ao longo do tempo".
O expediente de crédito extraordinario contempla unha partida de 80.000 euros para avanzar no sistema de xestión do ciclo integral da auga, a través dun convenio interadministrativo a asinar coa cátedra da auga da Universidade da Coruña.
O crédito extraordinario tamén servirá para financiar diversas obras, mantementos ou reparacións en diferentes lugares do concello como son os pasos peonís elevados (50.820 euros), o acondicionamento das parcelas dotacionais próximas aos CEIP Ramón Cabanillas (12.705 euros) e CEIP Quiroga Palacios (17.980 euros), a reparación de muros tradicionais (48.400 euros), o pintado de bancos e da varanda do aparcadoiro do Estadio de San Lázaro (36.300 euros), a rexeneración asfáltica en diversos lugares (153.000 euros) ou reparacións urxentes nos parques infantís (78.000 euros), entre outras actuacións.
Tamén se recollen partidas destinadas a incentivos de xubilación do persoal municipal (540.000 euros), novos equipamentos para os centros socioculturais do rural (18.149,99 euros), ventás e portas para o CSC de Verdía (10.299,95 euros), para melloras no acondicionamente do Centro Xove (45.000 euros) ou da Casa das Máquinas (75.000 euros), etc.
O concelleiro fixo fincapé no montante de 798.600 euros destinado á adquisición dunha aplicación informática municipal que permita resolver "a incompatibilidade entre o sistema de xestión de expedientes e o sistema de contabilidade e que permita mellorar o funcionamento da administración electrónica, moi necesitada de solucións".
Ademais, no ámbito dos deportes tamén se contempla un montante de 155.000 euros para a liquidación de XADE, a actualización da ordenanza fiscal de Deportes, proxectos para a romodelación de infraestruturas deportivas ou o contro da lexionelose, entre outras actuacións.
Tamén se destinará unha partida de 215.589,24 euros para o programa de dinamización comercial do Nadal para organizar unhas festas "á altura do que agarda a nosa veciñanza"
Vivenda pública
Dentro do expediente de crédito extraordinario destinarase un montante de 425.000 euros á adquisición de bens inmobles no ámbito do Plan Especial PE-1 para o seu uso como vivenda pública, partida que foi adaptada tras incluír a emenda presentada polo PsdG-PSOE que modificaba a proposta inicial do Goberno municipal centrada na adquisición e compra do inmoble situado na praza de Mazarelos anexo á única porta da muralla . "Entendemos que a emenda formulada polo Grupo Socialista non impide esta ou outras opcións, e que é noutro momento do procedemento cando se teñen que concretar", detallou o edil que se congratulou de poñer o "xermolo dun parque de vivenda pública de titularidade municipal en alugueiro a través de fondos para a adquisición dun inmoble que posteriormente se poida rehabilitar para ese fin".
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén quixo agradecer ao PSdeG-PSOE a "responsabilidade política coa veciñanza" polo apoio expresado no pleno e as suxestións feitas, así como tamén destacou o "ton construtivo" no debate por parte do PP. Sanmartín dixo que agora o goberno local vai continuar a traballar co "importante investimento" que se aprobou no pleno da corporación.
Tamén se aprobou un expediente de suplemento de crédito 2024-SUPLE-05, por un importe de 688.277,87 euros, financiado con baixas por anulación, que estará destinado á licitación dun contrato de subministro de dous vehículos equipados para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), así como un expediente de crédito extraordinario 2024-CREXT-06, por 141.946,01 euros, e de suplemento de crédito 2024-SUPLE-06, por 169.141,66 euros, financiados con baixas por anulación, para atender necesidades de Tráfico.
Outros asuntos
O Pleno municipal tamén fixou por unanimidade os días festivos locais para o ano 2025 de carácter non retribuído e non recuperable e que serán o 29 de maio, día da Ascensión, e o 16 de agosto, día de San Roque.
Os grupos municipais tamén deron luz verde á designación dos tres novos representantes do ámbito urbano ao Consello de Relacións Veciñais polo tempo que resta do mandato de catro anos con respecto ás eleccións do ano 2022: Roberto Almuíña Díaz (Asociación de veciños Cidade Histórica Fonseca), Diego Pico Hernández (Asociación de veciños Volta do Castro – O Rial) e Emilio Santos Vigo (Asociación de veciños ABA do Pedroso), tras a celebración das eleccións o pasado 5 de xullo.