CAPITAL CULTURAL

Xosé Carlos Carracedo Porto, gañador da terceira edición do Premio Exeria de creación literaria

31/07/2024 A proposta de creación literaria do escritor compostelán Xosé Carlos Carracedo Porto resultou a gañadora da terceira edición do Premio Exeria, co que o autor poderá desenvolver o seu proxecto de novela durante unha estadía dun mes na residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi (Toscana- Italia), e recibir unha axuda económica de 3.000 euros.

Convocado pola Concellaría de Capital Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863, xestionada pola escritora Yolanda Castaño, o Premio Exeria a proxectos de creación literaria escolleu a proposta do compostelán Xosé Carlos Carracedo Porto como a gañadora da súa terceira edición.

A decisión foi tomada por un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro, como son a escritora Rosa Aneiros, a editora e xestora cultural Eva Mejuto e a editora Andrea María Jamardo, que escolleron o proxecto gañador entre as sete propostas presentadas a concurso.

O xurado acordou por unanimidade conceder o premio a Xosé Carlos Carracedo Porto pola súa proposta dunha "novela arredor da infancia, a memoria e a identidade" que cualificaron como "un proxecto sólido, con grande ambición literaria e cun plan de traballo ben definido e artellado e viable no tempo". O fallo tamén destacou "a definición dos espazos, estrutura e personaxes avalan o compromiso e a responsabilidade creativa do proxecto, ademais da vinculación expresa do proxecto coa cidade de Santiago e pon en valor a súa "calidade literaria".

O escritor aloxarase na residencia Residencia La Baldi, situada na aldea de Montegiovi, no sur da Toscana, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.

Xosé Carlos Carracedo Porto

Mestre e escritor, na súa mocidade escribiu a súa ópera prima 'Somos de Arxerís', que ilustrou o fotógrafo Fuco Reyes. Posteriormente empezou a traballar con nenos e nenas de altas capacidades en proxectos impulsados pola Universidade de Santiago de Compostela en diversos lugares da xeografía galega. No 2018 participou con María Solar, María Oruña e Armando Requeixo no Congreso Internacional de Altas Capacidades como relator na mesa de Talento Literario.

Na década de 2020 empezou a publicar textos nas súas redes sociais e publicou o libro autobiográfico 'Diario dun confinamento' (2021) e a obra de poesía 'Utensilios de cociña e algúns obxectos caleidoscópicos'. Gañou o premio de poesía Pérez Parallé en 2023.

Compartir: