LINGUA

O Espazo Apego trasládase ao aire libre no mes de agosto co programa 'Contos no parque'

30/07/2024 As actividades do Apego saen fóra no mes de agosto cun convite dirixido á cativada para escoitar, participar e socializar en galego todos os martes ás 18 horas no parque de Bonaval. O acceso é aberto e de balde.

A iniciativa 'Contos no parque' terá lugar todos os martes de agosto ás 18 horas no parque Bonaval (plataforma dos arcos) con acceso libre e de balde. Esta actividade está dirixida á cativada entre 1 e 4 anos.

A programación será a seguinte:

Martes 6 de agosto
A Tropa de Trapo. "Barquiño de pau" (+1 anos)
Soprando a nosa buguina, comezaremos a viaxe no barquiño de pau. Veremos illas onde viven caracois, galiñas poñedoras e vacas. Regaremos a herba. Xogaremos coa marea que sobe e baixa. Cantaremos cancións de gaivotas e moverémonos coma nécoras. E incluso daremos unha volta baixo o mar. Un espectáculo de teatro de obxectos e música para a primeira infancia onde exploraremos os sentidos.

Martes 13 de agosto
Magín Blanco. "Caderno de cores e cancións" (+3 anos)
Caderno de cores e cancións, a máis recente  proposta de Magín Blanco, ofrece un concerto participativo no que, na compañía do músico Pablo Vidal, convida ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións. As melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas.

Martes 20 de agosto
Inventi Teatro. "As palabras perdidas" (+4 anos)
A condesa Colorada e o seu axudante Leocadiof son viaxeiros chegados dende moi lonxe. A condesa, unha coñecida contadora con sona internacional, disponse a narrar o seu relato preferido pero, ao abrir o libro, cae na conta de que o seu conto está cheo de buracos. Faltan palabras moi importantes. Faltan palabras como "ganapán", "vagalume" ou "verme". As palabras fuxiron da historia, borradas por falta de uso. Só utilizándoas de novo volverán ao conto. 

Martes 27 de agosto
Títeres Alakrán. "Circo galaico" (+3 anos)
Espectáculo de variedades conducido por un presentador que será o mestre de cerimonias de clásicos e insólitos números de circo. Un circo único onde a maxia e o fantástico se mestura co autóctono, onde os artistas serán animais da fauna galega en liberdade. Entre outros, contaremos con: Xaquín o forzudo xabaril; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo malabarista e a incrible cabra Ribelina.

Compartir: