ALCALDÍA

Sánchez Bugallo, satisfeito pola decisión de Fomento de non variar o trazado do AVE ao paso pola mina de Serrabal

31/05/2007 O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción polas verbas da ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, ao confirmar no Congreso dos Deputados que non ser variará o trazado do corredor do AVE entre Santiago e Ourense, no seu paso pola mina de Serrabal (entre Vedra e Boqueixón). Ao seu xuízo "a ministra dixo o que diciamos algún dende hai algún tempo", ao respecto do retraso que produciría o cambio de trazado.

"A ministra dixo que se perderían dous anos, aínda que eu sigo pensando que se perderían cando menos catro", engadiu o alcalde. Por iso, Sánchez Bugallo afirmou estar "contento" polo pronunciamento "taxativo" de Magdalena Álvarez, que se une ao realizado anteriormente polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño".

Para o alcalde, "a decisión é a correcta, sen prexuízo de que na execución do proxecto se fagan os axustes técnicos necesarios para afectar o menos posible á mina de Serrabal".

Compartir: