PROMOCIÓN ECONÓMICA

Media Lúa Marriquonería faise co premio na edición de primavera de "SCQ Shopping"

31/05/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio en funcións, Xosé Manuel Iglesias, presentou aos tres premiados na edición de primavera do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping". En primeiro lugar clasificouse a tenda de marroquinería Media Lúa, situada na rúa Travesa, 5. En segundo lugar quedou o establecemento de decoración Andrómenas, ubicado na rúa Doutor Teixeiro, 30. O terceiro lugar ocupouno a galería e tenda de arte Petronio Arte, situada na rúa de San Pedro, 30, e na que tamén se imparten talleres de formación. Ao certame presentáronse 32 estabelecementos comerciais.

Media Lúa Marroquinería xa acadara o segundo premio na edición de verán do Concurso de Escaparatismo de 2006. Andrómenas foi o gañador anual do 2006 despois de clasificarse en primeiro lugar na edición de Nadal e en segundo lugar na edición de outono. Petronio Arte presentábase por primeira vez ao certame.

A tenda artesanal Media Lúa Marroquinería acadou o premio, segundo o xurado, "pola economía de medios cos que organiza o seu escaparate, construíndo cunha harmoniosa e minimalista ordenación dos seus produtos. Un expositor que evoca a gorentosa presenza de produtos pasteleiros para chamar a atención sobre os produtos artesanais en coiro que comercializa".

O segundo premio foi para Andrómenas. Unha convocatoria máis, esta tenda de decoración achega "unha composición de gran calidade para promover mobles e accesorios de xardín no seu escaparate. Artellado como un gran fresco con forza cromática e luminosa e o uso de luvas como metáfora do labor manual, créase un espazo envolvente que proxecta o mobiliario de xardín e lecer que se promociona comercialmente neste tempo".

Finalmente, o xurado valorou de Petronio Arte "o equilibrio e contraste que consegue no seu escaparate combinando produtos comerciais con xoguetes infantís, móbiles, elementos de papiroflexia e composicións gráficas que rememoran os traballos plásticos dos escolares, achegando unha gran potencia artística ao conxunto".

Os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias e nun trofeo, a maiores, para o gañador anual. A publicidade, a nivel local, inclue campañas en televisión, en prensa e en radio, segundo a clasificación.

Compartir: