CAPITAL CULTURAL

Aberto desde o 29 de xuño o prazo de solicitude de axudas para as actividades culturais do sector profesional

28/06/2024 A partir de mañá, 29 de xuño, as empresas interesadas contarán con 15 días naturais para presentar as súas solicitudes e optar ás axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional, convocadas polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Acción Cultural. Esta convocatoria de subvencións contará cun orzamento de 250.000 euros e incluirá por primeira vez unha modalidade específica para os festivais de música e de artes escénicas.

Tras a publicación da convocatoria no BOP de hoxe, 28 de xuño, o período de solicitude iniciarase a partir de mañá e será de 15 días naturais.

Como novidade este ano, a convocatoria presenta dúas modalidades: a modalidade A, para festivais de música e artes escénicas, cun importe máximo de 45.000 euros por evento, e a modalidade B, para as restantes actividade,s cun importe máximo de 15.000 euros. En ambos casos, o importe máximo da subvención para cada actividade será do 80 % do seu orzamento.

No caso dos eventos que se presentan á modalidade A, considerarase festival a aqueles que se teñan celebrado baixo o mesmo nome ou marca un mínimo de 3 edicións nos 10 anos anteriores, que teñan unha programación superior ás dez actividades e que a súa duración total no tempo sexa dun mínimo de 3 días e non supere os 3 días consecutivos.

Solicitudes

As entidades que poden obter subvención son as persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas que se executen dentro do termo municipal de Santiago e que sexan abertas ao público que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 20 de outubro de 2024. As empresas contarán cun prazo de 15 días para presentar as súas solicitudes a partir de mañá, venres 29 de xuño.

Non poderán ser subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos. Os gastos elixibles serán aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nas bases reguladoras, en particular: programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais.

Ademais, tamén variarán os criterios de puntuación e establécese un importe máximo de custos indirectos equivalentes ao 10 % da subvención concedida que non precisarán dunha xustificación adicional senón só dunha declaración responsable co obxectivo de reducir os trámites burocráticos.

Compartir: