DEPORTES

O deporte federado compostelán repartirase 255.000 euros

29/05/2007 O Goberno local aprobou as bases da convocatoria de subvencións ao deporte federado para o ano 2007. En total repartiranse 255.000 euros, aos que poden acceder os clubs ou entidades deportivas federadas radicadas en Santiago e inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións e no Rexistro da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Esta achega económica destinarase a financiar, en parte, os gastos derivados da realización das actividades deportivas destes clubs nas competicións nas que estean inscritos. Os conceptos susceptibles de ser subvencionados son: pagamento de licenzas federativas e de mutualidade, gastos de desprazamento e manutención, arbitraxes, compra de material deportivo, lavandaría, gastos de persoal, aluguer de instalacións para adestramento ou competición, gastos médicos, pagos de inscrición en probas e seguros. Non están incluídos os investimentos en instalacións deportivas.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, nun prazo de 20 días naturais a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. Na asignación das axudas teranse en conta criterios coma o número de equipos e categorías dos mesmos, a contribución á vertebración e variedade da estrutura deportiva do municipio ou a contía de ingresos e gastos. Quedan excluídas as actividades das categorías do club xa incluídas nas escolas deportivas e, polo tanto, xa subvencionadas polo Concello.

Subvencións ás escolas deportivas

Por outra parte, aprobouse o reparto de subvencións ás escolas deportivas correspondentes ao primeiro semestre de 2007. En total, asignáronse 23.913 euros ás seguintes entidades: S.D. Villestro (1.932 euros), C.D. Compañía de María (2.365), C.D. Fontiñas (3.937), C.B. Cluny (2.098), C.D. Lamas de Abade (5.732), C.D. López Ferreiro (1.676), A.D. A Inmaculada (1.500), C.B. Pío XII (2.564), C.D. Conxo (808), A.D. Apóstolo Santiago (658), A.D. Burgo das Nacións (555) e C.D. Castiñeiriño de Santiago (86).

Compartir: