PROMOCIÓN ECONÓMICA

Catro enquisadores percorrerán 2.500 establecementos comerciais e hostaleiros para detectar as necesidades formativas do sector

29/05/2007 O concelleiro en funcións de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, acompañado de responsables das asociacións comerciais de Santiago, presentou a Campaña de sensibilización para a formación destinada a comerciantes e hostaleiros e enmarcada no Plan de Excelencia Comercial. A campaña informará a comerciantes e hostaleiros sobre o Plan de Excelencia Comercial e detectará as necesidades de formación e as carencias do sector.

Durante catro semanas, catro enquisadores (un home e tres mulleres) uniformados con camisetas e cazadoras co logotipo do Concello de Santiago e da Concellaría de Promoción Económica e Comercio, percorrerán uns 2.500 establecementos comerciais e hostaleiros do Concello de Santiago. A campaña comenzou o luns 28 de maio. Realizarán unha enquisa ao dono ou xerente do negocio, ao que lle preguntarán sobre os cursos e as actividades formativas que prefire e sobre o seu interese nas accións de promoción e dinamización comercial incluídas no Plan de Excelencia Comercial, como o Concurso de Escaparatismo e o de Imaxinación máis Comercio.

O Concurso de Escaparatismo "SCQ Shopping" consta de catro edicións anuais: primavera, verán, outono e Nadal. Pechouse a convocatoria de primavera, e o xoves 31 de maio coñecerase o establecemento gañador. En breve abrirase a convocatoria do Concurso de Imaxinación máis comercio. Está dirixido a aqueles comercios cun proxecto de promoción, de mellora da súa publicidade ou da súa imaxe corporativa.

Servizo de Asesoramento ao Comercio

Os enquisadores tamén contestarán as dúbidas que poidan xurdir entre os comerciantes e hostaleiros e informaranos sobre as liñas de actuación do Plan de Excelencia Comercial ás que poden recurrir para dinamizar e modernizar o seu negocio, coordinadas a través do Servizo de Asesoramente ao Comercio..

O Servizo de Asesoramento ao Comercio ten como destinatarios aos comerciantes e hostaleiros en activo, aos emprendedores e ás asociacións de comerciantes. A oficina do SAC está ubicada na rúa Hórreo, 100, e funciona en horario de 8:30 a 12:00 horas. Presta servizos de captación e asesoramento a emprendedores e comerciantes en activo, formación para comerciantes en activo e emprendedores, accións de dinamización e promoción comercial e hostaleira e asesoramento a asociacións. Ten establecido un sistema de cita previa a través do teléfono 981 568 752.

Plan de Excelencia Comercial

O Plan de Excelencia Comercial, asinado entre a Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago, contempla un orzamento de 289.022 euros para financiar os servizos e actuacións que se acometan no sector. O seu obxectivo é conseguir un comercio atractivo, competitivo e de calidade, baixo a marca "Compostela, capital de compras", coa finalidade de atraer ao maior número posible de clientes e converter a Santiago na capital de compras da euro rexión Galicia-Norte de Portugal.

Os servizos e actuacións financiadas polo Plan de Excelencia Comercial deseñáronse a partires dos datos dun estudo de diagnose sobre a situación do sector comercial e da hostalería no Concello de Santiago. Entre as conclusións do estudo destaca que o 50,7% dos comerciantes e hosteleiros non participa en cursos de formación e reciclaxe, e que o 56,1% dos establecementos non pertence a ningunha asociación.

Compartir: