PLENO

O Pleno aproba a creación da Comisión especial da xestión do ciclo integral da auga

30/05/2024 O Pleno municipal deu luz verde esta mañá á proposta da Alcaldía para a creación dunha comisión especial dedicada a analizar a forma máis sustentable e eficiente da xestión do ciclo da auga e que estará integrada por unha representación de todos os grupos municipais e por persoal técnico municipal. A Corporación tamén aprobou por unanimidade dúas declaración institucionais, unha en apoio ás persoas afectadas pola ELA e outra con motivo do Día do Orgullo LGBTI+, o vindeiro 28 de xuño.

Unha vez creada, esta Comisión especial encargarase de elaborar un informe que propoña o mellor modelo para xestionar o ciclo integral da auga, collendo como referencia o estudo realizado sobre este asunto en xullo de 2020. Tamén poderá impulsar outros traballos necesarios para acadar o obxectivo final de regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dun xeito precario no Concello de Santiago desde que venceu a prórroga do contrato.

A forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga é unha decisión que debe dar lugar a un modelo que perdurará por un longo período de tempo. Iso, unido á importancia que ten este servizo esencial, fai recomendable conseguir o maior consenso posible na forma de xestión.

A comisión estará integrada pola alcaldesa ou membro da Corporación en quen delegue, que actuará como presidencia da comisión, e dous membros representantes de cadanseu grupo municipal dos que forman a Corporación. Ademais, estarán as persoas titulares de órganos e postos técnicos, que terán voz pero non voto, da Secretaría do Pleno, da Dirección da Asesoría Xurídica, da Intervención municipal, da Dirección da Área de Urbanismo e Infraestruturas, da Coordinación Xeral, da Xefatura de Sección de Saneamento e mais da Dirección da Área de Sustentabilidade e Servizos Básicos, que actuará como secretaria desta comisión.

Unha vez constituída a comisión poderá requirir o asesoramento tanto de persoal técnico municipal como externo, e cando o así o decida, dará conta ao Pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.

Día do ORGULLO LGBTI+

O Pleno municipal tamén aprobou esta mañá de maneira unánime unha declaración institucional coa que se suma ás reivindicacións do Día do Orgullo LGBTI+, o vindeiro 28 de xuño, en conmemoración da primeira marcha do Orgullo que percorreu as rúas de Nova York na mesma data no 1970, un ano despois da revolta de Stonewall, evento "que marcou o que se considera o inicio do movemento na defensa dos dereitos das persoas LGBTI+".

O texto recorda que "Santiago leva moitas décadas sendo concello de acollida, ademais do forno no que se xestaron moitas das reivindicacións transformadoras que antecederon os dereitos dos que gozamos hoxe" polo que é importante "coñecer o que aconteceu, e rescatar aquelas historias de discriminación, de resistencia, de solidaderiedade e de loita colectiva, para comprender que somos unha sociedade diversa, un concello diverso".

A Corporación municipal tamén manifesta a súa "preocupación" polo "incremento nas agresións LGBTIfóbicas, verbais e físicas" e a necesidade de que "desde o ámbito municipal se destinen recursos materiais, económicos e persoais, que garantan que traballamos de forma transversal nos ámbitos da prevención de todo tipo de discriminacións, de atención e asesoramento ás persoas que o necesiten e de intervención social, xurídica e policial coordinada para erradicar todo tipo de violencias".

Por todo isto, a totalidade dos grupos municipais comprométense a través de varias medidas concretas a seguir avanzando cara a un "concello orgulloso, diverso e seguro para que todas as persoas poidamos ser libres en todos os ámbitos das nosas vidas, onde todas as persoas que viven, traballan, estudan ou nos visitan, sintan tamén que Compostela é o lugar onde poder ser quen queremos ser sen ningún tipo de limitación".

Entre as medidas recollidas na declaración, o Concello comprométese a apoiar as mobilizacións convocadas polo movemento LGBTI+ o 28 de xuño, a avanzar na formación interna e na revisión dos formularios municipais para garantir un acceso igualitario e libre de discriminacións aos servizos públicos, a garantir unha perspectiva transversal a todas as áreas municipais dos dereitos das persoas LGBTI+, a seguir apoiando o desenvolvemento e implementación do Protocolo para a abordaxe das violencias sexuais e LGBTIfóbicas no ocio nocturno, a poñer en funcionamento o Servizo de Asesoramento LGBTI+ e a recuperar e poñer en valor a memoria LGBTI+ do noso concello.

Declaración en apoio ás persoas afectadas pola ELA

Os catro grupos municipais tamén aprobaron esta mañá unha declaración institucional na que instan ás Cortes Xerais á tramitación da proposición da Lei ELA para que "as persoas afectadas por esta cruel doenza, as familiares e as coidadoras, sexan amparadas, en igualdade de trato co resto de persoas enfermas de calquera patoloxía, coa cobertura sociosanitaria que precisan para poder vivir con dignidade".

A Corporación entende que esta nova norma "non pode volver ser anulada por trámites burocráticos, por deixamento lexislativo ou por establecemento doutras prioridades" e recoñece que, a pesar de non contar coas competencias sanitarias, "os municipios, como as entidades públicas máis achegadas á realidade cotiá da súa poboación, non podemos, non debemos, e non queremos darlles as costas a aquelas que máis precisan do noso compromiso público para superar o seu día a día".

Por todo isto, o Concello comprométese nesta declaración a instar ao Estado a que "proceda á tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas, e á "Deputación Provincial da Coruña e á Xunta de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias sociosanitarias, teñan en conta as necesidades do colectivo de doentes e familiares, á hora de deseñar, implementar e aplicar políticas que poidan incidir na mellora da calidade de vida das persoas afectadas", e expresa a súa intención de "continuar prestando apoio público á reivindicación legal contida nesta moción, ata o momento en que a norma sexa publicada e entre en vigor".

Outros asuntos

O Pleno municipal tamén aprobou por unanimidade a proposición presentada polo grupo municipal do PP para a creación dunha campa de verán integrada para a conciliación familiar, así como as mocións presentadas polo PP para instar a Deputación da Coruña a colaborar co Concello de Santiago mediante o servizo de teleasistencia domiciliaria e a presentada polo PSdeG-PSOE e PP para iniciar o procedemento de modificación do Regulamento de títulos, honras e condecoracións co obxectivo de "traballar conxuntamente para que a Alba de Compostela sexa un acto do Concello coa máxima participación e recoñecemento institucional posibles".

Compartir: