CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Alameda de Santiago acolle este sábado as actividades para a cativada do "Día Internacional do Xogo"

30/05/2024 O Paseo da Ferradura, na Alameda de Santiago, acollerá este sábadi distintas actividades de ocio programadas pola Rede de Centros Socioculturais para conmemorar o "Día Internacional do Dereito ao Xogo". A partir das 11:00 horas, nenos e nenas poderán gozar co circuíto de xogos tradicionais, de habilidade e cooperativos, así como co espectáculo "Cantaxoga" de Migallas.

O programa de actividades arrancará ás 11 horas na Alameda, onde a cativada poderá gozar de xogos tradicionais, inchables e flocos de millo. Ás 12:30 horas terá lugar a lectura do artigo 31 da "Convención sobre os Dereitos da Infancia", no que se pon de manifesto que "xogar é un dereito".

Con esta iniciativa, o Concello de Santiago pretende reivindicar "o dereito dos nenos e nenas ao descanso, ao lecer, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade", así como a "participar libremente na vida cultural e nas artes", recoñecidos neste artigo.

O "Día Internacional do Dereito ao Xogo" conmemórase o 28 de maio co obxectivo de recordar en todo o mundo que o xogo é recomendable para todas as persoas, non importa a idade, e de forma fundamental para a infancia pola súa relevancia na educación e no desenvolvemento dos nenos xa que fomenta a súa creatividade e curiosidade e favorece a xestión das emocións, así como o desenvolvemento das súas habilidades sociais, entre outras moitas cousas.

Compartir: