CAPITAL CULTURAL

Pepón Nieto e Andrés Lima volven ao Auditorio de Galicia con ‘La comedia de los errores’

30/04/2024 A Sala Ángel Brage do Auditorio acollerá este sábado unha nova revisión da primeira das comedias de Shakespeare que asina Albert Boronat. Pepón Nieto encabeza un elenco no que toman parte Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Esteban Garrido. As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia

O pracer do equívoco e a hilaridade do incorrecto soben esta fin de semana ás táboas do Auditorio de Galicia da man de ‘La comedia de los errores’. O Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo coproducen unha nova revisión deste clásico shakespeariano do enredo asinada por Albert Boronat e dirixida por Andrés Lima. Pepón Nieto Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Esteban Garrido conforman o elenco da montaxe que poderemos ver o sábado, día 4 de maio, ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia.

A acción sitúanos en Éfeso, unha cidade chea de raposeiros, bruxas, lingoreteiros e pecadores libertinos. Até alí se desprazan Antífolo e Dromio de Siracusa un comerciante e o seu criado, á procura dos seus respectivos irmáns xemelgos, Antífolo e Dromio de Éfeso, á súa vez, amo e servente. O pai de ambos os comerciantes chega tamén a Éfeso pero, detido nada máis pisar o porto por ser un estranxeiro carente de documentos, é condenado a morte. Só atopando os seus fillos poderá salvarse. Nesa procura accidentada, sucederanse un regueiro de equivocacións e situación imprevistas que garanten a sorpresa e o riso do público. A dicir de Andrés Lima, a peza convídanos a revisar a nosa concepción da corrección e a veracidade: "A verdade e o correcto deben a súa existencia ao falso e ao erro, pois non tería sentido enuncialas como tales se non existise a posibilidade do seu contrario. O auténtico e o correcto son sempre tan planos, tan… tan aburridos, non lles parece? (…) Dos erros aprendemos, pero é un erro pensalo se aspiramos a non equivocarnos".

‘La comedia de lo errores’ chega a Compostela ao abeiro do programa PLATEA do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) e como parte do Foco ‘A voltas cos clásicos’ de Compostela Cultura, un ciclo no que conflúen obras teatrais consideradas canónicas que son reinterpretadas e sometidas a unha ollada contemporánea. As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas a un prezo de 14 € (co 50 % de desconto para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (aberto o día do espectáculo a partir das 19.30 horas).

Compartir: