LINGUA

O mes de maio chega ao Espazo Apego con moitas ganas de troula

30/04/2024 Maio en Compostela significa festa, e as da Ascensión son a celebración compostelá por excelencia, polo que as actividades do proxecto Apego vanse complementar coas que ofrecerá o programa das Festas que se pode consultar na web municipal. O prazo de inscrición na oferta do Espazo Apego xa está aberto.

Todas as actividades propostas levaranse a cabo con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior sobre as 12 horas recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.

A lingua medra

Esta actividade terá lugar todos os luns do mes ás 17 h no Espazo Apego.
Luns 6. Merendolas
Luns 13. Movéndonos con Apego
Luns 20. Quen vén?
Luns 27. Experimentamos

Tardes de contos

Os martes do mes (7, 14, 21 e 28) estarán reservados para as ‘Tardes de contos', un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0-3 anos e de 18.15 a 19.15 h para 3 a 6 anos.

Enredando e lingoretando

Os mércores desenvolverase a actividade ‘Enredando e lingoreteando’, un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.

Mércores 8. Xogamos coas palabras
Mércores 15. Fabricamos xoguetes
Mércores 22. Imos ao patio
Mércores 29. Xincana de palabras

Tachán!

Un xoves cada quince días contactamos co acervo e a cultura mediante a oferta de espectáculos ou contidos executados por especialistas e en diversos formatos.

Contos do chupete de Bea Campos (0-4 anos) - xoves 2 / 18 h / Espazo Apego
Raposadas de Raquel Queizás (+3 anos) - xoves 23 / 18 h / Espazo Apego

Compartir: