ALCALDÍA

Santiago presenta o proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ ao Partenariado Greening Cities da Comisión Europea

05/04/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou en rolda de prensa que esta tarde manterá un encontro con representantes do Partenariado Greening Cities da Comisión Europea aos que lles presentará de primeira man o proxecto 'Entre Sar e Sarela' e as estratexias de renaturalización urbana e fluvial que se levarán a cabo no marco deste proxecto. Este grupo de traballo, integrado por máis de 30 entidades de toda Europa, pretende definir os indicadores aplicables a aqueles proxectos europeos que impulsan as infraestruturas verdes nos contextos urbanos europeos para loitar contra o cambio climático e preservar a biodiversidade.

O Partenariado Greening Cities visita esta tarde Compostela co obxectivo de coñecer de primeira man as accións que se levarán a cabo dentro do proxecto 'Entre Sar e Sarela', impulsado polo Concello de Santiago co apoio do Consorcio de Santiago e a USC. Con este encontro, este grupo de traballo integrado por máis de 30 entidades de toda Europa, pretende definir os indicadores aplicables a proxectos de renaturalización que está a levar a cabo a Comisión Europea. Para facilitar esta tarefa, a alcaldesa de Santiago, acompañada polo persoal técnico do Concello e doutras institucións presentarán esta tarde no Auditorio de Galicia as estratexias de renaturalización urbana e fluvial que se levarán a cabo no marco deste proxecto que inclúe cinco actuacións.

Áreas de actuación

O proxecto 'Entre Sar e Sarela' está financiado ao 95% pola Unión Europea, polo que o importe total a percibir polo Concello de Santiago ascende á cantidade de 3.228.069,12 euros (1.596.722,49 euros para o ano 2024 e 2.480.945,93 euros para o ano 2025) e terá unha duración de 28 meses, finalizando o 31 de decembro de 2025.

As cinco actuacións integradas no proxecto son o "Barrio Verde de Pontepedriña", que recolle a renaturalización da zona e creación dun corredor ecolóxico urbano. O ámbito de actuación é o barrio de Pontepedriña entre a rúa do escultor Camilo Otero, a praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado. Esta zona presenta un elevado potencial para impulsar unha renaturalización de alto impacto, ao limitar co Parque Eugenio Granell, parte do Anel Verde exterior. O investimento estimado é de 1.785.685,25 euros, sen IVE. Esta actuación daría continuidade ao proxecto do Restollal, cun carril para cada sentido da circulación, e un carril bici na marxe esquerda que se completaría coa presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual.

A seguinte actuación é a "Naturalización da lagoa do Auditorio de Galicia, restauración fluvial do Río Corgo e mellora ecolóxica", que contempla un investimento estimado de 816.494,25 euros, sen IVE. Proponse a reparación do vaso da lagoa, mellora da impermeabilización e a eliminación do sedimento acumulado, a restauración da canle fluvial do río Corgo (nas zonas dos xardíns do Auditorio, Finca de Lois e parque das Nacions), a colocación de illas flotantes vexetais que contribúan á oxixenación e depuración da auga, e a transformación da iluminación da contorna, previo estudo, acadando o equilibrio entre a iluminación funcional e a preservación da biodiversidade.

A terceira, tamén de consolidación do Anel Verde exterior e a "Restauración ambiental e creación do laboratorio vivo-urbano agroecolóxico no xardín botánico". Ten un investimento estimado de 219.256,60 euros. Procúrase a conservación e restauración fluvial do corredor ecolóxico do río Sarela, así como reforzar a restauración do bosque autóctono de carballeira e acondicionar a rede de carreiros internos das áreas verdes e zonas de estancia, incluíndo medidas de accesibilidade.

A cuarta actuación, tamén incluída na consolidación do Anel Verde exterior, é a "Recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes". A proposta,que contaría cun orzamento estimado de 225.724,37 euros, propón actuar no espazo periurbano situado entre o Parque Eugenio Granell e o desenvolvemento urbanístico na contorna do antigo núcleo tradicional de Cornes, espazo delimitado entre a rúa Escultor Camilo Otero, o trazado da liña ferroviaria e a infraestrutura de circunvalación SC-20, contorna no que destaca a presenza dunha lagoa natural. En concreto, proponse a eliminación de residuos de orixe urbana e de especies exóticas invasoras e a recuperación e reforzo da vexetación autóctona; deseñando unha rede de novos sendeiros que dea conectividade entre Conxo, Cornes e Pontepedriña; e acometendo medidas de illamento acústico e visual da área mediante a creación de pantallas vexetais formadas por especies arbóreas e arbustivas autóctonas.

E a quinta e última actuación, tamén de consolidación do Anel Verde exterior, é a "Restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade no monte periurbano do Viso", que contaría cun investimento estimado de 175.542,30 euros. Farase unha substitución de especies exóticas por plantas nativas: bidueiros, carballos, sobreiras, acivros e distintas especies arbustivas; tomaranse medidas para a conservación de distintas especies de pequena fauna silvestre; e reforzaranse as sendas interiores para facilitar o seu uso, dotándoa das medidas de accesibilidade universal correspondentes.

A rexedora recordou que este proxecto pretende "dar continuidade a un desenvolvemento urbano sustentábel" a través da "configuación dun anel verde exterior, vinculando a cidade compacta coa contorna rural e agraria de Santiago, para afianzar o concepto de infraestrutura verde, transformando o ámbito urbano nun territorio máis verde e resiliente á situación de emerxencia climática".

Compartir: