CAPITAL CULTURAL

Compostela canta ‘Grândola Vila Morena’

26/03/2024 No 50 aniversario da Revolução dos Cravos, o Auditorio de Galicia chama a cidadanía a participar nun canto popular desta composición de Zeca Afonso que se erixiu en himno da liberdade. A primeira interpretación pública de 'Grândola Vila Morena' tivo lugar en Compostela en 1972, nun concerto promovido polo estudantado da USC no comedor do pavillón do Burgo das Nacións

Á entrada do Auditorio de Galicia, unha placa conmemorativa indica: "O 10 de maio de 1972 no Burgo das Nacións, que ocupaba estes terreos, cantouse por vez primeira o ‘Grândola Vila Morena’ himno da liberdade, a fraternidade e a igualdade". Aquela canción que Zeca Afonso estreou nun concerto promovido polo estudantado da USC acabaría por se converter nun dos símbolos máis poderosos da Revolução dos Cravos, ficando para sempre na memoria colectiva. Neste 25 de abril, cando se fan 50 anos daquel movemento que puxo fin á ditadura salazarista, o Auditorio de Galicia fai un chamamento á cidadanía a participar no canto colectivo de 'Grândola Vila Morena' e render así unha homenaxe á sociedade portuguesa e ao papel da música na loita fronte ás opresións.

A acción desenvolverase o xoves 25 de abril ás 18.30 horas na praza da Música en Compostela, á entrada do Auditorio. O chamamento diríxese a toda a veciñanza e visitantes da cidade que, para participar, deberán unicamente inscribirse no formulario habilitado na páxina web de Compostela Cultura antes do 21 de abril. Este rexistro procura tan só coñecer con antelación o número de persoas participantes. Aquelas formacións vocais ou musicais interesadas en tomar parte no canto popular poden facer unha única inscrición grupal indicando o número de asistentes. As persoas e colectivos rexistrados recibirán a través de correo electrónico a confirmación da inscrición e unhas indicacións breves cara ao desenvolvemento coordinado da acción.

Compartir: