SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O Concello pon en marcha un contador de árbores xeorreferenciadas neste Día internacional dos bosques e da poesía

21/03/2024 Este 21 de marzo, o Concello de Santiago celebrou o Día Internacional dos bosques e o Día da Poesía, unidos no Xardín das Pedras que Falan, onde están unha boa representación de poetas, coa plantación de árbores por parte de alumnado do CEIP Raíña Fabiola e coa entrada en funcionamento dun contador de árbores que contribuirán ante os retos de emerxencia climática.

No acto, ademais da alcaldesa Goretti Sanmartín, estiveron o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez; a concelleira de Educación, Míriam Louzao; representantes dos grupos municipais e alumnado e profesorado do CEIP Raíña Fabiola, que aproveitaron esta xornada para facer unha lección práctica de educación ambiental coa plantación de cinco ginkgos biloba, que acompañarán o exemplar do século XIX que resulta moi vistoso coas súas características follas amarelas cada outono.

O Concello organizou este evento como unha experiencia "educativa, ecoloxista e formativa", en palabras da alcaldesa, "como unha mostra da importancia do coidado da natureza, para fomentar a plantación de árbores, que son necesarias na loita contra a emerxencia climática, para regular a temperatura e reducir o quecemento global".

Santiago de Compostela conta con numerosas zonas verdes, parques e xardíns "e queremos que as xeracións máis novas se conciencien desde un acto que pode ser individual, como plantar árbores, a aprender a coidar o territorio para mellorar o noso concello, o noso país e o noso planeta".

Ademais, anunciou que o Concello inicia unha etapa nova coa posta en marcha dun contador de árbores ao que se accede desde a web municipal, onde figuran os exemplares xeorreferenciados neste momento e inscribiranse os que planten a partir de agora, para que alí figure esta contribución coa natureza e cos retos ante a situación de emerxencia climática.

A rexedora agradeceu, finalmente, a USC, o labor do persoal de Parques e Xardíns, de Educación e do CEIP Raíña Fabiola por participaren neste acto de plantación de árbores.

Sementes do ginkgo orixinal

O ginkgo biloba é un auténtico fósil vivente, con 270 millóns de anos de historia. O antigo Xardín Botánico da Universidade de Saniago de Compostela (USC), do que aínda queda un vestixio no Xardín do Colexio de Fonseca, albergaba ata hai uns anos dous exemplares -un macho e unha femia- desta especie que foron plantados en 1880.

Plantáronse un macho e unha femia en alusión ao yin e o yang xaponés, que fan referencia ás forzas que se opoñen e, á vez, se complementan.
A femia, cunha altura de 27,2 metros e un tronco cun perímetro de 2,6 metros, tivo que ser tallada en outubro de 2017, 137 anos despois de ser plantada.

Dos 5 exemplares que hoxe se plantaron, 3 teñen a súa orixe en sementes da femia orixinal e 2 veñen de brotes que se retiraron da árbore antes da súa talla. Durante estes últimos 6 anos o departamento municipal de parques e xardíns foi capaz de recuperar, conservar e reproducir estes 5 exemplares no viveiro de Lamas de Abade ata alcanzar a altura actual que permite a súa correcta implantación.

Plántanse 5 exemplares para tentar garantir o éxito do proxecto de implantación. Unha vez constatado co paso dos anos a súa evolución e se se trata de macho ou femia (non se pode saber ata que fructifique) un único exemplar, idealmente unha femia, para manter a dualidade, permanecerá no xardín á vista do reducido espazo dispoñible. O resto dos exemplares que fructifiquen serán transplantados noutro espazo.

Compartir: