EDUCACIÓN

A Feira de Minerais de Santiago chega á súa décima edición como a máis grande da Península Ibérica

27/02/2024 A décima edición da Feira de Minerais de Santiago, que conta co apoio do Concello de Santiago, desenvolverase desde este xoves 29 de febreiro e ata o domingo 3 de marzo no centro comercial Área Central e contará cunha trintena de postos con minerais, fósiles e pezas de xoiaría e un amplo programa de actividades como a charla do xornalista Xavier Aldekoa que falará sobre o saqueo do cobalto en África. Na rolda de prensa de presentación desta mañá, estiveron a concelleira de Educación, Míriam Louzao, acompañada do organizador da feira, Alejandro Rodríguez, e da xerente de Área Central, Sara Castedo.

Un ano máis volve un dos eventos clásicos e máis importantes da cidade, a Feira de Minerais de Santiago, a máis grande das celebradas en España e Portugal e que terá lugar dende o xoves 29 de febreiro ata o domingo 3 de marzo.

A concelleira Míriam Louzao detallou que durante estes catro días, en horario de 10 a 21 horas, Área Central acollerá unha trintena de expositores nunha extensión de 150 metros cunha gran variedade de minerais, fósiles e xoias de diferentes puntos do mundo. Un ano máis, todas as persoas interesadas no tema poderán achegarse a descubrir e adquirir minerais como ámbar, amatistas, acibeche, cuarzo; xoias ou elementos fósiles.

Actividades paralelas

Pero este evento vai moito máis alá de ser unha feira puramente comercial, xa que se trata do "evento máis importante da cidade para a comunidade educativa", co que se pretende "espertar a curiosidade e o interese pola ciencia" entre o alumnado, como destacou a concelleira. Por este motivo, a exposición irá acompañada dun programa de actividades que inclúen charlas, exposicións e obradoiros en horario lectivo para facilitar a asistencia de escolares de ESO e de Bacharelato.

Para o xoves e venres está prevista a asistencia duns 800 alumnos/as chegados de 16 escolas de todas Galicia para asistir á feira e participar nas charlas 'Recursos minerais de Galicia', o xoves 29 de febreiro ás 10:00 horas, a cargo da directora da Escola de Minas e Enerxía da UVigo, Elena Alonso, na que falará de recursos orixinarios de Galicia. Esta mesma Escola, xunto co Grupo Galego Mineralóxico e Xeolóxico serán os encargados dos obradoiros de identificación de minerais, mineraloxía, fósiles e ouro, dirixido ao público escolar.

O venres 1 de marzo ás 10.00 h, o xornalista e reporteiro especializado en África, Xavier Aldekoa, impartirá a charla "O cobalto, a febre do ouro azul", na que explicará como no SE Congo, as grandes empresas internacionais e os mineiros artesanais están a librar unha batalla desigual polo cobalto, un mineral clave para a fabricación de baterías de coches eléctricos. Aldekoa, xornalista en La Vanguardia contará a súa experiencia sobre o terreo e falará do espolio que se está a producir no corazón de África.

A Feira de minerais é unha iniciativa impulsada polo especialista Alejandro Rodríguez que conta co apoio e a colaboración do Departamento de Educación do Concello de Santiago, a Escola de Inxeniería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, o Grupo Mineralóxico e Xeolóxico Galego, o Museo de Historia Natural de Santiago, o museo de minerais de Porriño e a Mina Consuelo da Pontenova.

Compartir: