CULTURA

O concello pedirá dedicar o Día das Letras do 2006 a Ánxel Casal

27/05/2005 O pleno ordinario do xoves 27 aprobou a proposta de petición á Real Academia Galega para que o Día das Letras Galegas do 2006 se dedique a Ánxel Casal, alcalde republicano de Compostela asasinado durante a Guerra Civil.

O Concello de Santiago, na tarefa de lembrar a figura do que fora alcalde da cidade, declarou o 2005 Ano Ánxel Casal, conmemorando con diversas iniciativas como exposicións, teatro, publicacións, un documental, etcétera os 110 anos da morte dunha das personalidades máis destacadas da nosa cidade, aínda que non abondo recoñecida.

Dentro do marco do 2005 Ano Ánxel Casal, o pleno ordinario do xoves 27 de maio acordou, a petición do BNG, pedir á Real Academia Galega que o Día das Letras Galegas do ano 2006 estea dedicado a Ánxel Casal.

Dinamizador da cultura galega

Nacido en 1895, Ánxel Casal dinamizou a cultura galega nos anos trinta desde o seu inxente labor editorial, que tiña como eixo central a imprenta, que sostivo xunto á súa dona María Miramontes na rúa do Vilar, número 15. Desde ese domicilio saíron obras fundamentais da nosa literatura, publicacións, e documentos que, co seu selo, pasaron a formar parte da nosa historia.

Despois de fundar as editoriais Lar e Nós na Coruña, Casal transládase a Santiago en 1931, onde desenvolverá a súa maior produción desde unha imprenta na que os intereses económicos pasaban a un relegado segundo plano fronte ao compromiso na defensa da cultura do país. Obras de Castelao, Otero Pedraio, Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo ou Vicente Risco saíron do obradoiro de Casal, labor recoñecido en 1934 cunha homenaxe na que se valoraba o seu traballo editorial en condicións tan difíciles.

Coa victoria en febreiro de 1936 da Frente Popular, Ánxel Casal foi elixido concelleiro de Santiago e, por votación do Pleno, alcalde da cidade, cargo que o facía tamén converterse en vicepresidente da Deputación da Coruña.

Como alcalde da nosa cidade, desenvolveu unha xestión democrática que, entre outras cousas, foi pioneira en canto á galeguización da vida municipal. En calidade de rexedor da cidade formou parte da comisión que foi a Madrid o 15 de xullo de 1936 a entregar nas Cortes o texto do Estatuto. De inmediato, Casal regresou a Galiza onde o golpe militar remataría coas súas ansias democráticas, progresistas e galeguistas. O 4 de agosto é apresado e detido no cárcere de Santiago, onde estará até o día 19, xornada na que o seu corpo aparece nunha gávia de Cacheiras, en Teo. Pechábase así un dos máis brillantes episodios da cidade, tanto na vida da nosa institución local como na actividade cultural que desde Santiago se irradiaba a todo o país.

Compartir: