CIDADES PATRIMONIO

O concelleiro Iago Lestegás participa no Congreso sobre ‘Accesibilidade nas Cidades Patrimonio da Humanidade’ en Tarragona

31/01/2024 Tarragona acolle ao longo das xornadas de hoxe e mañá unha serie de sesións para abordar a accesibilidade nas Cidades Patrimonio. A inauguración do Congreso, que tivo lugar esta mañá, contou coa presenza de Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica representando ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, do que o Concello de Santiago forma parte.

O Palau Firal e de Congresos de Tarragona acolle o Congreso sobre Accesibilidade nas Cidades Patrimonio, que organizan o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, o Concello de Tarragona e Fundación ACS, os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro.

O alcalde de Tarragona, Rubén Viñuales, inaugurou o Congreso e explicou que o patrimonio só pode ser realmente da humanidade "se é un patrimonio accesible para todo o mundo" e puxo en valor a accesibilidade ao patrimonio material e inmaterial: "co paso do tempo pensamos nunha accesibilidade que vai máis alá da arquitectura e o urbanismo, para facela máis próxima á cidadanía co uso das novas tecnoloxías ou as accións da man da sociedade civil, desde a museoloxía ata a cultura popular e tradicional".

En declaracións aos medios, Rubén Viñuales tamén expresou a importancia de formar parte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade porque "é unha maneira de entender as nosas cidades pero tamén por beneficios tan obvios como conseguir tres millóns de euros de fondos Next Generation para mellorar a accesibilidade do Foro da Colonia".

A inauguración contou tamén coa presenza de Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica do Concello de Santiago representando o Grupo. Lestegás cualificou a accesibilidade como "un dos grandes desafíos da sociedade do século XXI, que adquire unha complexidade especial nos conxuntos históricos polos seus condicionantes físicos", e puxo como exemplo as intervencións sobre edificios catalogados e pavimentos históricos".

Pola súa banda, Myriam Ugarte, en representación do Ministerio de Cultura, destacou "a necesidade de incorporar a comprensión do Valor Universal Excepcional (VUE) de cada lugar ou Cidade Patrimonio mundial á accesibilidade; é dicir, entender que o patrimonio será máis accesible para a cidadanía canto máis comprensible sexa o seu VUE".

Durante as xornadas que se celebran en Tarragona, expóñense casos de boas prácticas nas cidades que integran o Grupo e ofrécense relatorios, actividades e obradroiros arredor deste aspecto clave na xestión do patrimonio, incluíndo mesas de debate. Nas actividades e conferencias abórdanse aspectos como as alianzas público-privadas para promover a accesibilidade, o marco europeo na materia ou o potencial das novas tecnoloxías para favorecer a accesibilidade do patrimonio.

Na xornada de hoxe mércores interviron Míriam Ugarte, do Ministerio de Cultura; Elena Mier Torrecilla, da Fundación ACS; José Luís Borau, da Fundación ONCE; Israel Muñoz de Concello de Ávila e Susana Reyes do Concello de San Cristóbal de la Laguna; Carme Gilabert, do Ecomuseu Harinera de Castelló d'Empúries; Enrique Rovira-Beleta, arquitecto e consultor de accesibilidade; e un equipo técnico do Ajuntamet de Tarragona. Ademais debatironse casos de boas prácticas sas cidades de Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres e Córdoba nunha primeira mesa de debate, e Cuenca, ibiza/Eivissa, Mérida e Salamanca, na segunda.

O Grupo conta con diferentes proxectos arredor da accesibilidade, como un dos piares no seu compromiso co patrimonio, xunto á educación, a seguridade, o medio ambiente e a conservación e sinalización dos monumentos e recintos. Neste marco, o Grupo desenvolveu diferentes accións como a aplicación "Cidades Accesibles", unha páxina web de rutas accesibles ou unha guía de boas prácticas para as cidades membro.

No Congreso de Tarragona tamén é protagonista La Laguna, cidade que logrou o premio Acces City Award 2024, a máis importante distinción da Unión Europea en materia de accesibilidade universal e discapacidade. O galardón distingue anualmente o traballo das cidades na eliminación das barreiras ás que deben enfrontarse a diario as persoas con calquera tipo de discapacidade física e intelectual.

O presidente do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcalde da La Laguna, Luís Yeray Gutiérrez, subliñou "o valor engadido que supón o premio europeo concedido pola UE á La Laguna. Un galardón que demostra que as nosas cidades tamén poden ser accesibles sen renunciar á salvagarda dos seus conxuntos históricos, e neste reto imos profundar nun Congreso tan relevante, que ademais coincide co ano en que celebramos o XXX aniversario do Grupo". Para o presidente do GCPHE, este galardón "sitúa ao noso país e ao Grupo entre os referentes europeos en materia de accesibilidade e supón un recoñecemento ao traballo realizado desde hai moitos anos para favorecer o acceso universal de toda a cidadanía aos nosos conxuntos históricos e edificios emblemáticos". O proxecto presentado por La Laguna impúxose na fase final ás cidades de Lódz (Polonia), Saint-Quentin (Francia), South Dublin County (Irlanda) e Tübingen (Alemaña) e anunciouse durante a conferencia do Día Europeo das Persoas con Discapacidade.

Compartir: