SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

Santiago incrementa a separación de residuos orgánicos co depósito dunha tonelada diaria no colector marrón e a de envases crece un 12% en 2023

31/01/2024 O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, destacou o incremento de recollida selectiva de envases lixeiros en 2023, cunha recollida media diaria de 6.448 kg que supón unha diferenza do 12% con respecto ao ano anterior, e tamén do depósito de materia orgánica ao alcanzar unha tonelada diaria no colector marrón.

"É necesario seguir con este labor de sensibilización de recollida selectiva de residuos, para facilitar a súa xestión e reducir a contaminación", explicou o concelleiro. Así, animou a veciñanza a participar nos labores de separación de envases e material orgánico para contribuír a reducir a materia que chega mesturada.

Xesús Domínguez destacou o programa "Ti tes a chave", con máis de 4.000 chaves entregadas para depositar a materia orgánica no quinto colector para o seu tratamento posterior en compostaxe "e cómpre seguir a sensibilizar a poboación para utilizalo". Xunto a iso, hai máis de 1.000 composteiros individuais, onde se trataron 400 toneladas anuais de residuos orgánicos, e continúase coa instalación do quinto colector no centro urbano. "Aínda que estes datos son positivos, existe unha marxe de mellora onde a colaboración cidadá é fundamental para a separación de residuos", indicou.

Para ter unha cidade máis limpa, incidiu na necesidade de depositar os residuos a partir das 20 horas para evitar a acumulación durante o día ao pé dos colectores, así como de pregar os envases para reducir o espazo que ocupan.

En 2023 recolléronse en Santiago de Compostela 35.762.920 kg nos colectores de resto; 2.353.360 kg de envases lixeiros; 349.040 kg de materia orgánica (FORSU), cun notable incremento no segundo semestre do ano; e 3.240 kg de pilas. Con respecto a 2022, supón unha diferenza de 37.407.00 kg de resto (-4,5% de media diaria en 2023), de envases lixeiros 2.097.790 kg (+12,19% de media diaria en 2023), 35.600 kg de orgánico (+146%,39% de media diaria en 2023) e 3.000 pilas (+8% de media diaria e 2023).

Compartir: