XUNTA DE GOBERNO

O Concello avanza na conservación dun mural pintado por Urbano Lugrís

29/01/2024 A Xunta de Goberno local acordou esta mañá a aprobación inicial da modificación puntual do Catálogo do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) co obxectivo de garantir a protección do mural pintado polo artista galego Urbano Lugrís no edificio situado na rúa do Franco, 56. Tamén se acordou a adxudicación do servizo de dinamización do Espazo Apego por máis de 215.000 euros.

Coa modificación puntual do Catálogo do PE-1, aprobada de xeito inicial polo executivo municipal, o Concello pretende garantir, por razóns de interese público, a protección in situ do mural que o recoñecido artista Urbano Lugrís pintou na rúa do Franco, 56, para o Bar América que foi inaugurado en 1954.

Este mural é o último exemplo dos que o artista pintou na capital de Galicia que aínda se conserva no mesmo lugar para o que foi pensado, o que lle engade máis valor á obra. Dos que existían na cidade perdéronse os do Hotel Compostela, os do bar Lugo e foron separados da parede os da Clínica Álvarez que agora se encontran espallados en coleccións públicas e privadas.

O vixente Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) inclúe un Catálogo de protección, que identifica os inmobles que son obxecto de preservación, incorporando unha ficha de catalogación para cada edificio, na que se identifican os elementos catalogados. No caso do edificio que acolle o mural na rúa do Franco, ata o momento tiña asignado o nivel 4 (interese ambiental) pero non figura catalogado ningún elemento interior.

Tras esta aprobación inicial, a modificación puntual do Catálogo do PE-1 someterase agora a un proceso de información pública durante o prazo de dous meses. En paralelo a este trámite o Concello tamén solicitará o informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

En todo caso, este acordo de aprobación inicial determina automaticamente a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, parcelación e derruba no ámbito do inmoble que poidan ser incompatibles ou contrarias ás novas determinacións da modificación inicialmente aprobada.

Espazo Apego

O executivo municipal tamén deu luz verde á adxudicación do contrato para a dinamización do Espazo Apego á empresa Atlantic Ponte 2000 SL por un importe total de 216.529,50 euros (178.950 euros máis 37.579,50 euros de IVE), contía que será desagregada nas seguintes anualidades: 60.147,08 € para cubir 10 meses de 2024, 72.176,50 euros para 2025, 72.176,50 euros para 2026 e 12.029,42 euros para dous meses de 2027.

O obxecto deste contrato é un servizo de deseño, organización e desenvolvemento de actividades infantís no marco do programa Apego, así como de atención ao público e control de salas no Espazo Apego, que o Concello de Santiago dispón na entreplanta do edificio número 12 da rúa da República do Salvador.

Este centro alberga a maioría das actividades do Programa Apego: información ás familias, adhesión e seguimento, formación psicopedagóxica, de socialización e culturais, divulgación de recursos etc. Este espazo alberga tamén outro tipo de actividades relacionadas cos diferentes programas do Departamento de Lingua do Concello de Santiago como cursos, presentacións, reunións, charlas etc.

As principais persoas destinatarias do servizo que se contrata son os nenos e nenas entre 0 e 6 anos, e nais, pais, titoras, titores, familias e persoas coidadoras e educadoras no ámbito doméstico e social, así como calquera entidade pública e privada que ofreza contidos ou servizos en relación co proceso de socialización e uso da lingua. No tocante aos servizos relacionados coa atención ao público e o control de salas, as persoas destinatarias son todas aquelas interesadas en participar en programas ou actividades que se realicen no local municipal.

Premio Xohana Torres

A Xunta de Goberno local tamén acordou a aprobación do texto do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela, relativo á tramitación, concesión e publicación do premio de ensaio, investigación e creación audiovisual Xohana Torres, na súa edición de 2023.

O Premio Xohana Torres foi instituído pola Concellaría da Muller do Concello de Santiago no ano 1993 co obxecto de contribuír ao coñecemento sobre as mulleres que destacaron nalgún eido, tanto na actualidade como no pasado, na vida da nosa comunidade. Nas edicións correspondentes aos anos 2009 e o 2010, decidiuse abrir o premio ao ensaio, tanto literario como científico, para abarcar diversas disciplinas como a ciencia, a filosofía, a historia, a antropoloxía ou a literatura, tendo como obxectivos e protagonistas as mulleres galegas.

O prazo de presentación de traballos á sexta convocatoria do Premio Xohana Torres rematou o pasado 29 de decembro de 2023 e a entrega de premios ás obras gañadoras terá lugar o vindeiro 8 de marzo.

CIM

Tamén se deu luz verde á solicitude por parte do Concello de Santiago dunha subvención á Consellería de Emprego e Igualdade, no marco de 'Axudas e subvencións a entidades locais: Programa de Apoio aos Centros de Información á Muller (CIM) pola cantidade de 85.000,00 euros ao abeiro do Programa de apoio aos CIM, 56.667 euros para o exercicio 2024 e 28.333 euros para o exercicio 2025.

Dunha banda, solicitarase unha subvención de 60.000 euros para cubrir dous posto de persoal laboral interino, un para a asesoría xurídica e outro para a atención psicolóxica do servizo. Ambos postos foron recollidos nas bases dos procesos selectivos publicados en 2023 no marco do proceso extraordinario de estabilización do Concello de Santiago. Tamén se prevé a solicitude dunha subvención de 30.000 euros para un posto xa cuberto de persoal laboral fixo, de axente de igualdade do Centro de Información da Muller e da Concellaría de Igualdade.

Compartir: