ALCALDÍA

O goberno municipal reúnese coa Plataforma de Asociacións Veciñais contra da Contaminación Acústica

27/12/2023 A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, e representantes da Policía Local e da Policía Nacional mantiveron esta tarde unha xuntanza con membros da Plataforma de Asociacións Veciñais contra da Contaminación Acústica.

Este encontro enmárcase na liña de diálogo permanente que está a manter o goberno municipal co tecido sectorial e veciñal do Concello co obxecto de atender necesidades e demandas encamiñadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Neste sentido, a reunión centrouse na redución da contaminación acústica en horario nocturno en determinados puntos da cidade e na concienciación cidadá a respecto da necesidade de garantir o descanso da veciñanza.

Goretti Sanmartín explicou polo miúdo o labor que se realiza neste ámbito e deu conta da relación de infraccións por ruídos e incidentes na rúa que a Policía Local rexistrou no que vai de ano, que ascenden a un total de 995. Tamén informou que a Policía Local atendeu nos últimos meses tres meses e medio, un total de 221 chamadas veciñais, que deron como resultado 415 intervencións.

Ademais do seguimento das infraccións por parte da Policía Local, desde o Concello tamén se traballará para optimizar recursos en disciplina urbanística e reforzaranse as campañas de sensibilización cidadá. Neste punto, a alcaldesa lembrou que vén de activarse de novo a campaña "Fala baixiño", encamiñada precisamente a concienciar sobre os comportamentos en momentos de lecer, apelando á responsabilidade e respecto ao descanso das veciñanza. Esta campaña, tal e como xa anunciara Goretti Sanmartín o día da presentación, terá continuidade ao longo do vindeiro ano.

Nesta xuntanza acordouse continuar coas actuacións policiais para mitigar ruídos na rúa e reforzar as zonas máis críticas, así como avanzar na coordinación entre Policía Local, Policía Nacional e diferentes servizos municipais para continuar coa procura de solucións á hora de reducir a contaminación acústica na cidade.

Compartir: